Estes primeiros días de colexio hai moitos proxenitores á porta dos centros. Agardamos mirándoos mentres non entran e logo saudamos coa man ou unha mirada cómplice. Cada vez se fan adolescentes antes e aínda que lles guste que esteamos alí, para sentírense seguros, prefiren aparentar que poden quedar sos. E ás veces, é así como viven na escola. As paredes do centro nos separan dun mundo ignorado. Por moito que creamos coñecer aos nosos fillos, poden volverse uns estraños noutro ámbito diferente. Dámoslle demasiada importancia a cuestións como: o profesor será estrito?, a mestra poñerá moitos deberes?, por que todos os anos piden un paquete de 500 folios se non os usan?, será paciente ou poñerá castigos con frecuencia?
É habitual someter a escrutinio o labor do docente, e crer que os nosos nenos merecen un trato especial. Seguramente non nos decatamos, pero podemos chegar a estresalos. E ese mestre ou mestra ten só dous ollos para atender a moita cativada. Se ocupamos a súa atención con estes asuntos, quizais non poida observar con calma ao alumnado. Non poderá comentarnos cousas importantes, como se o noso fillo ten tendencias de acoso ou se sente agredido. Porque nese universo que é a escola, os nosos ollos, non os esquezan, non son só os do noso neno, tamén os de quen alí o coidan.
Non perdamos de vista o verdadeiramente importante.