Imprudentes

María Canosa
maría Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

ANGEL MANSO

28 feb 2024 . Actualizado a las 09:31 h.

Seguimos sendo uns imprudentes. Non vexo que falle nada na comunicación para que se perda información no camiño. Dise claramente. O mar pode ser un perigo. Cando se decreta alerta vermella, os avisos son claros. Os paseos precíntanse e o acceso queda restrinxido. Aínda así, hai xente que fai caso omiso ás advertencias, salta as barreiras e achégase ao mar para desafiar as ondas.

A pasada semana, tres mozos traspasaron o perímetro de seguridade que cercaba o paseo marítimo da Coruña. Achegáronse perigosamente ao mar para sacar unha foto. Un enorme salseiro avisounos de que non estaban nun lugar idóneo. A piques estiveron de caer ao océano, quedando completamente empapados. Non pasou dun susto, pero a diferenza entre iso e a morte pode ser demasiado escasa.

Estaban a escasos 800 metros do Monumento dos Heroes. A escultura emula unha onda, en memoria de tres policías que morreron arrastrados pola marea cando, unha noite do 2012, un mozo era engulido pola marea. Foi toda unha conmoción. Non hai na cidade quen descoñeza a historia. E, con todo, aí estaban os tres mozos, imprudentes, buscando unha foto do mar bravo, arriscando a vida.

Que máis ten que pasar? Que máis nos teñen que dicir? Non se me ocorre traxedia peor. Pode que aquel mozo se achegase ao mar por completo descoñecemento. Pero saltar o límite de seguridade para sacar unha foto é un acto totalmente irreflexivo.

Tanto invocar o sentidiño, esta é unha boa ocasión para poñelo en práctica. Aínda que só sexa por puro egoísmo.