Galicia en transición: almacenamento enerxético sostible

luis miguel varela PRESIDENTE DO FORO FIEITO. FORO PARA A INDUSTRIALIZACIÓN SOSTIBLE E A TRANSICIÓN ECOLÓXICA EN GALICIA.

OPINIÓN

Taller de baterías de Stellantis Vigo, en una imagen de archivo
Taller de baterías de Stellantis Vigo, en una imagen de archivo Carlos Prieto

16 jun 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Alcoa en grave risco, Siemens Gamesa en ERE e agora Tavares ameaza con levar investimentos de Stellantis a Marrocos. Os proxectos enerxéticos no conxelador, e os industriais vítimas dunha división que pode acabar escorrentando investimentos e facendo que Galicia caia do mapa dos grandes proxectos. O escenario da nosa transición enerxética e industrial é máis que preocupante. Urxe pasar de pantalla mediante un gran acordo de país en base a tres principios: a enerxía renovable xa é o petróleo galego do século XXI, o repregamento da globalización permite a reindustrialización e reconversión de sectores completos, e, finalmente, os beneficios xerados pola nosa enerxía e os proxectos industriais deben de contribuír solidariamente ao desenvolvemento do resto do país.

Ninguén dubida que industria de nova xeración e enerxía forman un binomio: a unha irá onde a outra sexa máis verde, barata e abundante, pero sempre que haxa un consenso social suficiente para dar seguridade aos investimentos. Empecemos, pois, pola enerxía.

Galicia é unha inmensa produtora e pode e debe selo máis. É necesario expandir, conservando sempre o equilibrio ambiental, o parque eólico tanto terrestre como mariño para cubrir os novos proxectos industriais e os actuais sectores intensivos en enerxía.

Pero hai que crear ao tempo un óptimo de almacenamento para despregar todo o potencial da produción renovable, acumulando a enerxía hoxe desperdiciada en momentos de sobreprodución por falta de almacenamento ou insuficiencia de rede, estabilizando as flutuacións asociadas a enerxías intermitentes e previndo fallos de subministración nun futuro mix enerxético 100 % descarbonizado.

Segundo a Asociación Empresarial Eólica, as interrupcións das fontes renovables en xaneiro e febreiro do 2023 supuxeron perdas de 78 GWh de produción eléctrica, das cales 72 GWh correspondían á eólica, o que podería almacenarse e fornecer o equivalente ao consumo anual de máis de 60.000 habitantes. A electricidade de orixe renovable desaproveitada multiplicouse por seis nun ano (no 2022 só afectou a 13 GWh).

As baterías e, sobre todo, a acumulación hidráulica reversible son hoxe os medios preferentes, que cobren demandas desde minutos a meses. As boas condicións naturais de Galicia para a acumulación enerxética xogan unha vez máis ao noso favor. Ademais de proporcionarnos un mix eléctrico moderno e eficiente, un sistema de almacenamento adecuadamente deseñado será fundamental para abaratar os custos de produción das empresas situadas aquí e a factura eléctrica de comunidades enerxéticas locais.

Con produción e almacenamento a gran escala asociados a polígonos industriais con actividades de vangarda cos seus custos reducidos pola dispoñibilidade de enerxía barata e abundante pasariamos de pantalla no xogo cara a un escenario máis prometedor para Galicia. Se sabemos xogar, claro.