Justo Beramendi no noso Olimpo

María Xosé Fernández Cerviño VICEPRESIDENTA DO PADROADO DO MUSEO DO POBO GALEGO MEMBRO DO PADROADO DO MUSEO DO POBO GALEGO

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

04 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

De súpeto, coa súa reserva característica. O profesor Justo Beramendi marchou sen despedirse, sempre atento a non chamar a atención, a non molestar. Cando La Voz de Galicia nos anunciou a mala nova aínda non amañecera e, pouco a pouco, a xente do Padroado do Museo do Pobo Galego foi acordando conmocionada.

Deixounos o noso patrucio, o derradeiro ideólogo daquela ilusión que, tras longa xestación, agromou arredor dunha ben provista mesa nas postremeiras do inverno de 1975. Non chegou a celebrar o 50 aniversario, pero si acadou a ver como aquel impulso xerminal se converteu nunha realidade sólida que case nos sobrepasa. Cando, no 2019, recibiu o premio Fernández Latorre no nome da nosa institución explicaba que a entidade, «nada da sociedade civil en plena Transición, nin existiría sen a entrega desinteresada de moitas vontades privadas, nin podería subsistir sen o sostén duns poderes públicos que aportan máis da metade dos seus recursos e dos que, porén, quere manterse independente para continuar fiel ao espírito fundacional, definido polo galeguismo esencial que é denominador común dos seus moi diversos integrantes». Cada día traballamos, desde o voluntariado inicial e agora con Concha Losada como sucesora súa na presidencia do Padroado, para manter a lealdade a aquel espírito, sen deixar de evolucionar ao paso que nos marca a mesma sociedade civil á que nos debemos.

Acadou a inaugurar as primeiras salas da sección de Historia de Galicia, pola que tanto porfiou, pero non verá a apertura da sala da historia contemporánea, que se está a deseñar baixo a súa inspiración pero aínda terá que agardar ao próximo ano. Justo Beramendi, galego por elección, vertebra a historia do Museo do Pobo Galego. Foino todo, fundador, secretario e presidente da xunta reitora e presidente do padroado, posto ao que renunciou voluntariamente en decembro de 2022, considerando que o seu ciclo estaba cumprido. Pero desde a semirreclusión autoimposta pola molesta senectute, a súa figura seguiu sendo un guieiro necesario.

No Museo do Pobo Galego ofrecémoslle, o mellor que soubemos, tributo e gratitude, quizais non tanta como el merecía. Quizais debería facer aquí unha glosa dos seus méritos académicos e científicos, pero nesta hora non son quen. Outras entidades e persoas están máis cualificadas para facer o que é debido. Canto a min, sinto como que perdín un pai intelectual, por veces severo pero afectuoso sempre, ao que tanto lle debo e tan pouco lle retribuín. Creo que moitas persoas, membros do Museo do Pobo Galego e discípulas da súa cátedra, poden sentirse interpeladas por estas palabras.