Non serei eu quen diga que as nosas cantareiras (e o cancioneiro popular) non merezan homenaxes. Levan séculos creando cultura de nós e ese xa é mérito dabondo para ter o noso recoñecemento eterno. Pero o Día das Letras naceu para outra cousa.
Dou por feito que van odiarme moitos por este artigo pero ao meu entender a Real Academia Galega (RAG) trabucouse profundamente nesta ocasión. Porque o Día das Letras naceu para recoñecer o traballo autoral de alguén que, dun xeito consciente e constante, elabora unha obra literaria na nosa lingua. Ese non é o caso das cantareiras nin de lonxe. As que pariron as nosas coplas populares fixérono para cantar e expresar un mundo, pero non estaban facendo unha obra literaria. Dende logo que non. E non se me entenda mal que sei de sobra o que é a poesía popular. O asunto, como digo, é outro. E ten que ver coa «intención» daquelas que crean.
Non son quen de comprender, e xúrolles que levo dándolle voltas dende que se coñeceu o nomeamento da RAG, que motivos puideron ter para tomar semellante decisión. Necesitaban dedicarlle o día a mulleres? Pois velaí está Anisia Miranda, por exemplo, que foi moito máis que a señora de Neira Vilas. Ou Pura e Dora Vázquez, turrando da literatura infantil durante décadas en contextos ben difíciles. E como non está escrito en ningures que teña que ser un ano muller, outro home, por aí andan Ramiro Fonte, Antón Tovar, Fiz Vergara Vilariño, Eusebio Lorenzo Baleirón e tantos outros que agardan no esquecemento da rúa Tabernas da Coruña a que alguén se lembre deles.
O Día das Letras é a nosa gran festa cívica e a decisión de a quen darllo é crucial, sobre todo pensando en que do que se trata é de explicarlle á sociedade que hai autoras e autores en lingua galega cunha obra potente feita en clave literaria e en diálogo coas literaturas coetáneas do seu tempo. Non é o caso das cantareiras. Non o é porque elas non facían literatura.
A RAG vén facendo un labor magnífico dende hai anos. Mais, neste caso, coido que meteron a zoca. En termos literarios non estaban pensando. Quizais noutras cousas paralelas porque, nun plenario tan dividido como o que hai, cómpre quedar ben con todo o mundo. Pero para nós, para os que non estamos na Academia, esta decisión é incomprensible e, sobre todo, allea por completo a aos obxectivos que, dende 1963, ten o Día das Letras Galegas.
Imos cantar un mundo o ano que vén. Ímolo pasar moi ben. Pero a nosa sociedade vai despistarse bastante sobre o que significa «letras galegas».