Os delincuentes son españois

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Eduardo Parra | EUROPAPRESS

26 jul 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Un dos grandes enganos que construíu a ultradereita (e que ao PP parece non desagradar) é que os menores non acompañados, coñecidos inhumanamente como menas, son unha panda de delincuentes. Toda a lea que se montou entre Vox e o PP ao aceptar este segundo secundar a petición do Goberno de repartir a tutela destes nenos e nenas (cómpre insistir en que son nenos e nenas) ten isto como pano de fondo: para a formación de ultradereita son rapazas e rapaces que veñen aquí a violar e matar e roubar. Son, xa que logo, un perigo público.

Que manteñan iso é algo ben difícil de entender e voulles poñer un exemplo sinxelo: uns días despois da ruptura de Vox co PP (que non é de verdade, non van deixar caer os gobernos que sustentan), unha cativiña de dous anos, que viña de chegar nunha pateira a Canarias, morreu no hospital. Pensar que unha cativa de dous anos ten na cabeza roubar e agredir a españois é ter a mente moi enferma ou ser moi mala persoa. Esa cativa de dous anos, que morreu xa en terra española, sería, cunha educación de calidade, atención e coidado, quizais unha célebre médica, unha estupenda profesora, unha máis que digna artista ou, quen sabe, isto igual lles gusta aos ultras, unha espectacular futbolista. Dar por feito que polo feito de que veñen doutro país (polo xeral, escapando de guerras nas que as armas que se usan llas vendemos nós, os occidentais, para facer negocio) xa veñen facer o mal é ter o cerebro moi contaminado. Tiña dous anos. Que demos ía querer facer mal a ninguén se aínda non sabía nin ir ao baño soa.

Pero, como probablemente esta clase de datos non van servir para que un racista deixe de selo, iremos con outros máis interesantes. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, os menores que delinquen son, en case un 80 %, españois. Vaia. A meirande parte dos que rouban, violan, e delinquen en xeral en España son menores nacionais, da terra, pura españolidade roxigüalda. É como os internos dos cárceres. Os españois gañan por goleada. E saben vostedes cal é o denominador común entre os delincuentes españois e os estranxeiros? A pobreza. Todos están en contextos socioeconomómicos de pobreza ou moi achegados á pobreza, sen estudos, sen horizonte laboral. Xa non lles conto nada sobre drogas ou violencia neses entornos. Non se trata, pois, de mandar á Armada a controlar o mar, como suxeriu Miguel Tellado e di de sempre Abascal. Trátase de mellorar as condicións de vida da xente.

O problema non son os menores de idade estranxeiros que veñen a España. O problema son os xenófobos que esqueceron que hai unha Declaración Universal dos Dereitos dos Nenos e das Nenas que di que todos os menores teñen dereito a ser acollidos, protexidos e tutelados por un Estado. É un dereito humano básico. Así que os xenófobos, ás veces, nin sequera parecen humanos.