Non hai xustiza no mundo

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Andrew Boyers | REUTERS

12 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Xustiza, así, con maiúsculas, unha das ideas máis importantes segundo Platón, coa Beleza e o Ben, é, sobre todo, Equidade, ou sexa, Igualdade. No noso caso, agás o rei, que pode facer o que lle pete, o sistema xudicial ten que garantir que todos imos ser tratados igual en caso de conflito coa lei. Esta idea esténdese, ou debería estenderse, tamén aos asuntos internacionais. Pero seica non.

Hai ano e pico, Rusia invadiu Ucraína. Houbo unha condena case unánime da comunidade internacional e apurámonos a sancionalos de mil maneiras. Ben, a sancionalos un pouquiño, porque ao respecto do importante (deixar de mercarlles o gas, por exemplo), pois non. Só aparencia de sancións.

Hai uns meses apareceu por aquí Milei con toda a súa vocación de histrión desatada. Como se fose un futbolista da selección masculina de fútbol cun micro, Milei ten perigo dialéctico. E como tiña o micro e a algúns, cando lles deixas o micro, sabes que a van montar (e milleiros de persoas aplaudir), insultou ao presidente do Goberno de España, á súa muller (en fin, a todas as mulleres), e equiparou o socialismo e o pensamento do que el chama «los zurdos», coas peores organizacións criminais. Isto o di un individuo negacionista do exterminio que os militares arxentinos cometeron con milleiros de persoas nese país durante as derradeiras ditaduras. Mais ese non é o asunto deste artigo. O asunto é que o Goberno español reaccionou rapidamente chamando ao embaixador a consultas e dando a entender que igual se rachaban relacións diplomáticas con ese país. Por suposto, non pasou nada. Como no caso ruso, era unha aparencia de enfado. Non ía en serio, Milei, non sexas boludo…

Sendo de mentira, a Rusia e a Arxentina algo se lles dixo.

Así que volvemos á equidade. Que pasa con Israel? Non é momento de, de verdade, en serio, aplicando a idea de xustiza, rachar (non como con Milei, insisto, en serio) relacións diplomáticas? Ao Goberno de España non lle parece máis grave iso que están a facer que os insultos de Milei?

Por certo, nas Olimpíadas, as e os atletas rusos, que nada terán que ver coas decisións do seu presidente á hora de invadir países, non lles deixaron competir. Son un país castigado polo espírito olímpico. Sen embargo, Israel competiu. Os seus atletas, obvio, non teñen culpa (en fin: o seu abandeirado, busquen as fotos nas redes, asinou bombas que caerían sobre nenos en Palestina e nos que puxo «de min para vós, con pracer»), pero non son, en todo caso, menos culpables que os rusos.

A Xustiza debe de ser Equidade. Ten que haber unha soa maneira de medir a ilegalidade, o delicto, a falta. Non pode ser que para unhas cousas si e para outras non. Porque senón, non hai xustiza.