Xuventude e autoritarismo

Francisco Castro
Francisco Castro A CANCIÓN DO NÁUFRAGO

OPINIÓN

Un grupo de jóvenes bañándose en el río Miño en el embalse de Castrelo
Un grupo de jóvenes bañándose en el río Miño en el embalse de Castrelo Santi M. Amil

15 sep 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Non serei eu quen faga o típico discurso de vello de que a mocidade de hoxe é unha desgraza e nos nosos tempos si que eramos guai del Paraguai. Cada época ten as súas cousas e probablemente a xuventude actual é como é porque os adultos lles estamos a deixar a vida como lla estamos deixando. Din que non queren atarse a un traballo. Lóxico: a precariedade está por todas partes. Din que prefiren ser felices que traballar. Claro: é que o traballo ao que poden optar é malpagado, eterno e sen perspectivas. Fixeron todo o que cumpría facer. Estudaron carreiras, fixeron másteres, prácticas en mil sitios, pero cos soldos que se lles dan non poden nin pagarse un aluguer compartido entre varios.

Quizais iso explique o que hai uns días podiamos ler nunha enquisa sobre a saúde da nosa democracia e no que se dicía que un 20 % dos varóns máis novos consideran que «en determinadas circunstancias é mellor o autoritarismo que a democracia». O titular, a nada que se analice, mete medo. Rapazada dicindo que prefiren que se lles mande dun xeito autoritario, é dicir, sen deixarlles opinar, sen consultar a ninguén. Mellor a ditadura que a democracia, para facer un resumo urxente.

Entre moitísimos problemas que temos, este é un deles. Vox e satélites levan anos expandindo un machirulismo autoritario rodeado, para facelo comestible, de soflamas patrióticas, bandeiriñas ao vento e un potaxe de ideas alucinadas nas que se mestura o dereito a ter armas, o perigosísimo que é ese bebé que entra nunha pateira, o feminazismo e a unidade de España (iso que nunca estivo unido, por algo será). O discurso callou en xeral no conxunto da sociedade, pero moi especialmente, e velaí está o paradoxo e polo tanto velaí está o problema, nunha mocidade que, ao revés do que sempre fixo a xuventude (buscar a liberdade, ir á súa bóla, non aceptar a autoridade, procurar a anarquía…), abrázase ao autoritarismo, á ausencia de razón compartida, en definitiva, á obediencia a un líder «forte». Non é casual que os que así opinan sexan rapaces e que as rapazas estean no oposto. A ultradereita é máis seguida por homes que por mulleres. É así.

Á mocidade temos que pedirlle que procuren utopías, que nos metan caña aos adultos facéndonos ver que estamos trabucados. Precisamos que soñen. Que se sintan incómodos coa pouca liberdade que teñen. En definitiva, que tenten facer a revolución para facer un mundo mellor. Non obstante, medra neles o desexo de ser mandados. De obedecer. De entregrarse á senrazón. Están dentro daquilo que Erich Fromm chamou «o medo á liberdade». Cómpre que se liberen. Polo ben de todas e de todos.