
Dende hai unhas semanas, na axenda informativa está a ameaza de folga dos futbolistas profesionais pola sobrecarga de partidos. Din que son demasiados. Que non lles dá tempo a recuperarse e que por iso se lesionan máis. A ese discurso súmanse adestradores e moitos opinadores das cousas do fútbol. Hai queixas formais das distintas ligas á FIFA ameazando con parar o negocio como isto siga sendo así de duro. Que os están explotando. Que así non hai quen faga unha xogada con criterio. Que necesitan descansar máis.
Cando comecei escoitar aos futbolistas profesionais falar disto, cun discurso coordinado e idéntico que ri ti dos argumentarios do PSOE ou do PP falando do malísimos que son os outros, non souben moi ben que sentir. Ao primeiro parecíame que estaban de choteo. «Debe de ser unha 'coña'», pensei.
Que é moito xogar cada tres días? Que están en moitas competicións? Que se o seu equipo, que se a selección, que se non sei que?
A ver, son deportistas de élite. O seu traballo consiste en adestrar e xogar e en estar a tope todos os días, que son moitos millóns ao ano que se lles dá (ou coches, como aos do Real Madrid o outro día, un cochazo de agasallo para cada un). Teñen os mellores médicos ao seu dispor, as mellores instalacións, equipos enteiros de profesionais para coidar os seus corpos serranos… e, ademais, páganlles unha millonada por facer o que lles gusta. Como poden queixarse?
No mundo normal, a xente traballa todos os días. Hai millóns de persoas ás que lles doen as costas e non se teñen en pé, aos que lles doe ata respirar, gañan algo máis de mil euros e atenden os seus traballos sen faltar un día, coidan das súas familias, axudan cos deberes dos pequechos e ata o fan todo de boa cara. Piden cita no médico por esas molestias que fan que erguerse da cama xa sexa un suplicio e non lla dan ata pasadas dúas semanas. Pero non faltan ao traballo e, na meirande parte dos casos, non cambian a boa cara. Como teñan que esperar por un especialista, poden agardar (como me pasa a min, sei do que falo) dous anos. E con boa cara.
Esta historia dos pobres futbolistas explotados é un bo reflexo do que é a nosa España actual: un completo disparate. Perdemos, ou desactivouse, a vara de medir. E entramos con total naturalidade nese debate sobre o estrés e as dificultades para facer ben o seu traballo de señores que gañan millóns, que son idolatrados polas masas, que son postos como exemplo para todo e que, ás veces, non corren porque «están desmotivados».
Non son eu moi de recorrer aos ditos populares, pero a estes dáballes eu un sacho e mandábaos ás patacas na Limia. Ou a rozar.