No día contra a violencia de xénero

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Xesús de Nazaret non só o traizoou Xudas, que o vendeu, senón tamén o creador do cristianismo, Paulo de Tarso, e todos os bispos da Igrexa que rexeitaron e rexeitan o esencial da súa mensaxe e o seu exemplo.

A sociedade xudía na que Xesús naceu era tan ferozmente machista que as mulleres non aprendían hebreo, o idioma dos textos sagrados, aos que non tiñan acceso, e os homes oraban: «Grazas, Señor, por facerme xudeu e non xentil, libre e non escravo, varón e non muller». A relación de igual a igual de Xesús coas mulleres tivo que resultar escandalosa e Paulo ignorouna cando mandou que os homes orasen no templo «a pelo» e as mulleres coa cabeza cuberta «porque Cristo é a cabeza de todo varón, e o varón é a cabeza da muller». Tamén as tratou de puerís e irresponsábeis ao mandar que gardasen silencio no templo, e sempre que tivo ocasión recordou a súa submisión ao home.

Non é maior a valoración da muller na Igrexa católica, e co argumento das cabezas xustificouse durante séculos a xerarquía establecida por Paulo. Na encíclica Ubi arcano sobre o matrimonio cristián, Pío XI recordaba en 1922 as palabras de santo Agostiño: «Estean suxeitas as mulleres aos seus homes como ao Señor, pois o varón é cabeza da muller, como Cristo é cabeza da Igrexa».

En España a primacía do varón nunca tan clara foi como nos corenta anos de nacionalcatolicismo, nos que bispos, cregos, frades, a Sección Feminina e intelectuais do Réxime teimaron en recordala e apoiala, mesmo xustificando nalgúns casos as agresións sexuais. O capuchino Quintín de Sariegos debía de ter un servizo de demoscopia propio porque afirmaba: «En el 90 % de los casos, son ellas las que desperezan la fiera que duerme en la naturaleza del hombre con el ofrecimiento de su cebo apetitoso». E o padre Venancio Marcos ruxía nun programa radiofónico: «Así, ¡cómo no van a pecar los pobres hombres! La culpa la tienen ellas. ¡Si fuesen un poco más recatadas...!».

Non é doado liberármonos de tan pesado lastre, pero con sangue, suor e bágoas ímolo conseguindo e España pasa por ser hoxe o país máis feminista de Europa.

Porén, contra toda lóxica, un de cada catro mozos entre 15 e 29 anos coida que a violencia machista é un invento ideolóxico e que a promoción da igualdade de xénero discrimina os homes. É leria da extrema dereita, si; pero é que os novos están deixando de crer na democracia e móstranse dispostos a vivir nun réxime autoritario, mesmo ditatorial. Arrepíanme, pero entendo o seu desencanto. As representacións políticas merecen o pateo en cada función, e eles fano.