Teño clarísimo que o maxistrado da Audiencia Nacional Eloy Velasco sabe moito de leis, pero de oratoria anda frouxiño; e de gramática, que queren que lles diga? Home, todos os nenos de dous e tres anos din nalgún momento «más mejor», pero en canto lles aprenden que non se di «más mejor» senón «mejor», non o repiten. Non podo crer que non llo aprendesen ao tenro infante que o maxistrado Eloy Velasco foi e por iso pasmei ao oírlle dicir o 13 de novembro nun evento do mundo xurídico, referíndose a Podemos: «Entiendo que cuando eres el quinto partido político que ha perdido las elecciones, y tienes cuatro gatos (…) tu legitimidad es bastante ''más menor'' que si hubieras ganado las elecciones». E logo, o «máis peor» da intervención: o ataque a Irene Montero a conto da ley del solo sí es sí por tentar aleccionar os xuristas:
«Nos intentaron explicar qué es consentir... A un jurista, que llevamos desde el derecho romano sabiendo lo que es el consentimiento. Y el expreso, y el consentimiento tácito, y los actos consecuentes. Y mil cosas más que nunca aprenderá Irene Montero desde su cajero de Mercadona ni nos podrá dar clases a los demás».
A redacción é de suspenso ou de aprobado pelado en cuarto de primaria, pero de matrícula de honor como lección de soberbia na universidade. Das definicións que coñezo da soberbia quedo coa segunda da RAE: «Satisfacción y envanecimiento por la contemplación de las propias prendas con menosprecio de las ajenas». A que soa ben? A que ten o arrecendo do Século de Ouro, cando a soberbia era pecado de nobres e plebeos e de ricos e pobres, que todos se gababan de «limpeza de sangue» e de que no Imperio español non se poñía o sol?
Pois esa soberbia chegou a nós con dúas modalidades: a agresiva, a cano libre, e a embridada. O soberbio embridado está cheo de fumes e encantado de coñecerse igualiño que o agresivo, pero non subestima os menos dotados e adoita poñerse ao servizo deles. Gran parte dos líderes da esquerda revolucionaria foron grandísimos soberbios. O outro, o soberbio agresivo, ademais de ser altivo, arrogante, vaidoso e prepotente coma o soberbio embridado, móstrase insolente e satírico ante o rival, con ánimo de ferilo e aldraxalo. A min paréceme que Irene Montero —que fala e se explica de fábula— e o xuíz Eloy Velasco encarnan os dous tipos de soberbia. Non sei cal é máis soberbio dos dous pero, visto o visto, estou certo de que nun cara a cara o xuíz non lle ten para media merenda á excaixeira de Mercadona, a quen tanto despreza.
Os galegos chamámoslle «fachenda» á soberbia e así semella menos pecado, pero é o máis ruín de todos. E o máis ridículo.