30 anos do caso Arny

OPINIÓN

siro

25 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No 2019, a xuíza María Auxiliadora Echávarri, instrutora do chamado caso Arny, pediu a xubilación anticipada e declarou ao xornal El Diario de Sevilla: «En el caso Arny se pisoteó la presunción de inocencia y la protección de las víctimas». E a min recordoume o Franco dos anos cincuenta que pescando troitas cuns amigos militares dixo cando alguén preguntou por un compañeiro de carreira desaparecido: «A ese lo fusilaron los nacionales».

O caso Arny foi un escándalo que estoupou en 1995 cando un xulgado de instrución de Sevilla iniciou o sumario do xuízo por prostitución de menores no pub Arny, de ambiente gay, con 47 imputados entre os que estaban Jesús Vázquez, Javier Gurruchaga, Jorge Cadaval e o xuíz de menores Manuel Rico Lara. Os seus nomes apareceron nos medios de comunicación desde o primeiro día, polo que viron violado o dereito á honra e quedaron en total indefensión no xuízo paralelo que a cidadanía lles fixo, aguilloada por medios de comunicación e programas de televisión absolutamente amorais como La sonrisa del pelícano de Pepe Navarro ou Crónicas Marcianas de Javier Sardá, que competían en levar vítimas a declarar o que o morbo colectivo quería oír, fose certo ou non. En marzo de 1996, a Audiencia de Sevilla ditou sentenza e 32 acusados foron absoltos, entre eles os citados. Pero o mal estaba feito e era irreparable. Ningún volveu ser o mesmo.

  Hai poucos días, un canal de televisión emitiu un capítulo do documental Arny, historia de una infamia, que se presentara en 2023, con Jesús Vázquez de protagonista, e vino e chorei con el. Eu non coñezo a Jesús, pero si a familia, queridísima en Ferrol, e sei da dor infinita da nai, que leu as monstruosidades publicadas sobre o fillo e morreu sen chegar a velo absolto. A xuíza Echávarri non quixo saír na serie, e non me estraña. Claro que tiña a obriga de instruír o sumario se sabía que no Arny se prostituían menores; claro que debía imputar os presuntos corruptores por moi personaxes públicos que fosen. O que non podía era «pisotear» a súa presunción de inocencia, e iso fixo.

A Jesús Vázquez citouno ás dez da mañá e interrogouno ás 13.30. E cando lle escoitou dicir: «Señoría, le juro que no estuve en ese bar, que no lo conozco; que nunca pagué por tener sexo, que jamás estuve con un menor, que no sé de qué me habla», ollouno cunha frialdade que aínda hoxe o presentador recorda, e dirixiuse ao avogado: «Pues si quiere justicia, la va a tener: o ingresa dos millones de pesetas antes de que cerremos el juzgado, o su cliente duerme en el calabozo». Era sábado, os bancos estaban pechos e Jesús durmiu no calabozo.

Abraia saber que a xuíza xa xulgara e condenara os imputados, pero o mesmo fixo a maioría dos españois. No documental vese algún que se ofrece a facer xustiza pola súa man: «Que me los dejen a mí, que ya verás como…». Quixera crer que hoxe o caso Arny é irrepetible, pero non estou certo.