
Miguel Ángel Rodríguez, xefe de Gabinete da presidenta da Comunidade de Madrid, ten —e gózao e relámbese con el como coa mellor larpeirada— un complexo de superioridade denominado de Pied Piper ou do frautista de Hamelín, que é o do líder con seguidores inxenuos aos que promete canto desexan se o seguen como ratos ou como nenos. As persoas con complexo de Pied Piper van de heroes, ofrecen a música pracenteira das promesas e sen chisco de remordemento menten, enganan, ameazan e agriden a quen ousa cortarlles o paso. Miguel Ángel Rodríguez é o Pied Piper máis Pied Piper de cantos Pied Pipers hai en España.
En marzo do 2024 ameazou con triturar e cerrar o xornal dixital elDiario.es por informar con rigor dos negocios que o noivo e o irmán de Díaz Ayuso fixeran coas mascarillas contra a covid, e unha semana despois largou o bulo de que xornalistas encapuchados dese medio tentaran entrar pola brava na casa que a presidenta comparte co noivo. E xa posto a mentir e difamar, mandou a un chat de xornalistas amigos datos persoais e fotos de dous reporteiros de El País, acusándoos de acosar a veciños de Díaz Ayuso, mesmo a picariños. A guinda do pastelón de trolas foi unha frase que chegou á alma colectiva dos seus fieis: «Un acoso habitual en dictaduras».
No último programa de Lo de Évole, o xornalista entrevistou a Fernando Simón, encargado de informarnos da evolución da pandemia, e a algúns familiares de persoas mortas en residencias de anciáns da Comunidade de Madrid, ás que un protocolo do Goberno autonómico impediu acceder a hospitais por seren dependentes cognitivos ou padeceren doenzas graves. «Se morirían en todas partes», dixera a presidenta nun debate. O epidemiólogo recoñeceu o difícil que é tomar decisións en situacións límite, pero os familiares, con emoción malamente contida, recordáronnos que aquelas persoas faleceron do peor xeito posible, asfixiadas, deshidratadas, sen sedación e na máis absoluta soidade.
Demasiado para Pied Piper Rodríguez, que decontado cuestionou en redes sociais a autenticidade dos protagonistas e minutos despois proclamou eufórico: «Ya tengo comprobado que la primera señora que sale no tenía a su madre en ninguna residencia de la Comunidad de Madrid». Nin os seus tragaron tan enorme burrada e Pied Piper Rodríguez escribiu na mesma rede: «Confirmo que el primer testimonio del programa de Évole es la hija de una fallecida. Pido disculpas por el error».
Pero non pasa nada. O Goberno da Comunidade de Madrid apóiao incondicionalmente e Pied Piper Rodríguez segue tocando a frauta que a min, a verdade, sóame a chifre de capador.