
Os ultras sempre andaron ceibes polos estadios de fútbol. Agora tamén. Son, os estadios, un ecosistema máis que propicio. Van en masa, poden berrar, tomar as rúas da cidade que visitan e con escolta policial, sacar bandeiras que nun país civilizado os levaría directos ao calabozo, poden facer todo que nada lles pasa. O contexto, aínda que menos salvaxe que hai uns anos, é perfecto para eles. Impórtalles o fútbol o que a min a perruquería. Nada. Interésalles só a bronca, a pelexa, a desorde. A violencia.
Son fascistas. É o normal.
Todo isto para celebrar que hai uns días, mentres os ultras do Betis facían o saúdo de Elon Musk e de Hitler cuspindo o seu vómito en Balaídos, a megafonía do estadio respondeu co Grândola, vila morena, o himno da Revolución dos Cravos. Fronte das soflamas autoritarias, un canto de amor e liberdade popular.
Pode semellar unha anécdota. Mais non o é. É un posible camiño.
Porque o que hai que asumir dunha vez é que ao fascismo non se lle branquea senón que se lle combate. O Celta podería ter optado polo silencio, por pasar de todo, esperar a que marchasen coa súa diarrea mental a outra parte. Pero non. A megafonía celtista enfrontouse a eles, púxose en fronte, deu a cara. Avergoñou aos nazis. Demostraron non terlles medo.
Neste intre no que os fascismos rexurden sen medo, hai que, precisamente, amosarlles que non lles temos medo. Que somos mellores e que non nos agochamos. Que a boa xente é máis que a xente mala. Porque un fascista, aínda que leve traxe e sente nun parlamento, é malo.

Levamos demasiado tempo vivindo na equidistancia, seguindo coa nosa vida normal como se non pasase nada diante dos discursos de odio, das novas falsas que culpabilizan ao inmigrante, á feminista, a quen pensa diferente. Consentimos que se autoproclamen «patriotas», como Abascal, que apoia a Trump, quen, á súa vez, toma decisións que obxectivamente prexudican a España. Cómpre sacarlles as cores, amosar que, ademais de brutos, son ignorantes. E que non se lles pode permitir estar en pé de igualdade cos demócratas. Igual que Hitler rebentou a democracia desde dentro, estes gozan dos beneficios do sistema democrático para, se poden, rebentalo tamén.
«O povo é quen máis ordena», di a canción. Pois iso. O pobo quere vivir en paz, con xente lóxica e sen estes destrutores de toda convivencia.
Fronte Hitler, Grândola.