Gravados para María Victoria Moreno

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

Dez alumnos do colexio José García crearon obras de arte a partir dos seus poemas

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A autora que protagoniza o Día das Letras Galegas deste ano adicou unha ducia de sonetos á súa enfermidade. María Victoria Moreno (Valencia de Alcántara, Cáceres, 1939 - Pontevedra, 2005) fixo do cancro de mama que padecía un motivo literario para axudar ás mulleres que sufrían a súa mesma enfermidade. Eses poemas foron o material de traballo empregado polos alumnos do colexio público José García para crear arte no obradoiro de gravado que dirixe o ourensán Xosé Poldras.

Os dez gravados realizados polos escolares de 4º da ESO, xunto cun vídeo vencellado a este proceso creativo e ao traballo desenvolvido polos alumnos, expóñense no Museo Municipal de Ourense durante todo este mes de maio.

Os artistas do centro José García fixeron de María Victoria Moreno e da súa poesía o fío condutor da aprendizaxe. «Foi unha experiencia moi interesante porque viron todo o proceso de creación dunha obra de arte. Escomenzamos lendo cada un dos poemas e analizando o que a autora quería dicir e transmitir cos mesmos. Logo démoslle unha unidade ao proxecto empregando todos as mesmas cores e os alumnos puideron seguir todo o proceso de creación porque nós mesmos fixemos a estampación dos gravados porque contamos cun tórculo para facelo», sinalou Poldras. A maiores creouse un vídeo para acompañar as dez obras de arte. Tres dos alumnos fixeron unha montaxe na que cada gravado vai acompañado do poema ao que está vencellado e puxéronlle música ao traballo.

As propostas relacionadas co Día das Letras Galegas na cidade tiveron onte outra cita na praza de San Martiño. Na mesma procedeuse á entrega dos premios do sexto Certame de microrrelato on line que este ano tiña como tema Unha viaxe por Galiza. A gañadora foi Aroa Dios Do Campo, coa obra Soñando. Tamén houbo agasallos para cada un dos catro finalistas.

Citas para o 17 de Maio

O Concello de Ourense aposta por converter o 17 de Maio nunha «festa polas rúas e polo centro da cidade», segundo sinalou onte a concelleira de Cultura Belén Iglesias. O Centro Valente acollerá, a partir das 11.30 horas, o espectáculo

Cantamos un conto?

, a cargo de Luis Vallecillo e a súa banda. Unha hora despois, fronte ao edificio, haberá un concerto de Sonoro Maxín adicado á autora do Día das Letras Galegas. Tamén se contará coa presenza de Anxo Moure, que percorrerá o Paseo coa súa «ciclobiblioteca».

A Deputación e o Pen Clube Galicia renden homenaxe a Pura Vázquez

O Pen Clube de Galicia e a Deputación provincial elixiron a figura da escritora ourensá Pura Vázquez (1918 - 2006) como figura a homenaxear no Día das Letras Galegas. Con motivo do centenario do nacemento da creadora, as dúas institucións promoven un acto que se desenvolverá mañá no cemiterio ourensán de San Francisco.

A partir das 11.30 horas haberá intervencións e ofrenda floral diante do panteón onde está soterrada a escritora.

Os libreiros non sairán á rúa por non contar co apoio do Concello de Ourense

Os libreiros faltarán este ano á súa cita anual na rúa cos ourensáns. Como xa acontecera co Día do Libro Infantil, o Concello de Ourense denegou a tradicional axuda que lle daba aos libreiros para poñer os postos na rúa cos volumes editados en galego. Dende o colectivo lamentan que se rompa con esta decisión unha colaboración que se viña mantendo «hai máis dun cuarto de século».

O presidente dos libreiros ourensáns, José Manuel García Mosquera sinalou onte nun comunicado que lamentaba a situación creada «á que somos alleos» e lembraba que «as librarías de Ourense fixeron xa un importante esforzo económico e laboral para saír á rúa o Día do Libro, pero non podemos asumir os custes da promoción da cultura», sinalou. Incidiu no feito de que os libreiros entenden que ese labor promocional da cultura é responsabilidade das institucións, aínda que «nós sempre estamos dispostos a colaborar. Lamentablemente, nestes momentos non é posible», asegurou José Manuel García Mosquera.

Propostas por toda a provincia para celebrar a data

O programa das Letras xa vai deixando algúns actos para a véspera da festa dedicada a María Victoria Moreno.

Barbadás. Maxia e música con Álvaro Muras e Martín Camiña. Un percorrido guionizado pola vida e a obra de María Victoria Moreno poderá verse na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás a partir das oito da tarde. A entrada é de balde.

Verín. Contacontos e manualidades. Arredor da figura de María Victoria Moreno, na biblioteca do Barco haberá unha sesión de contacontos e manualidades. Comeza ás seis da tarde.

 A Pobra de Trives. Correlingua. Os rapaces do colexio Manuel Bermúdez Couso protagonizan unha carreira a prol da lingua polas rúas do casco vello. Comezará ás 11.30 horas.

 O Carballiño. Obradoiro de marcapáxinas. Na sección infantil e xuvenil da biblioteca municipal do Carballiño haberá un obradoiro de marcapáxinas e lapiceiro. Comezará ás cinco e media da tarde e durará dúas horas.

 Ourense. Dramatización de contos. No Campus celebrase hoxe a data coa dramatización de contos infantís. O acto comezará ás 12.00 horas na sala Emilia Pardo Bazán.

 Xinzo de Limia. Os premios Carlos Casares xa teñen ganadores. O concurso literario impulsado polo Concello de Xinzo e a Fundación Carlos Casares xa ten gañadores. Mañá ás 12.00 horas, na praza Maior da capital limiá terá lugar a entrega dos premios a Eva Rodríguez (vencedora na categoría infantil con Un verán sen wifi) e Ana Gude (gañadora en xuvenil con Ou coello branco).