A figura e o legado de Antón Tovar reivíndicanse coa edición dunha antoloxía poética

La Voz OURENSE / LA VOZ

OURENSE

Presentación da antoloxía poética de Tovar
Presentación da antoloxía poética de Tovar Santi M. Amil

A publicación promovida por Xerais é froito dun traballo desenvolvido polo escritor e profesor Delfín Caseiro Nogueiras

11 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Ourense aínda mantén viva a memoria do vello revoltado. A daquel fumador compulsivo ao redor da mesa dos tempos míticos da libraría Tanco, cando aínda estaba no Paseo, ao que o réxime non lle fixo a vida máis doada, precisamente. E dos tempos idos e do programa de actividades iniciado na celebración do centenario de Antón Tovar (Pereira, Rairiz de Veiga, 1921 - Ourense, 2004) chegou o proxecto da edición dunha antoloxía poética. Unha iniciativa que tivo como valedor a Xesús Alonso Montero e que foi desenvolvida polo autor do traballo, o escritor e profesor Delfín Caseiro.

O libro Antón Tovar. Antoloxía poética (Edicións Xerais) foi presentado este venres en Vilar de Santos. 

Xesús Alonso Montero lembraba o pasado domingo na súa columna da sección Beatus Qui Legit a figura do escritor e o traballo desenvolvido para facer realidade o proxecto. O corpus literario do autor limiao en galego está composto por sete poemarios, os que van da publicación de Arredores (1962) ata a edición de Cadáver adiado (2001). No artigo Antón Tovar, poeta maiúsculo Montero gaba o traballo de Delfín Caseiro para crear unha publicación que achega a obra do homenaxeado en doce capítulos temáticos. Aspectos como o nihilismo, a figura de Deus, a morte, o amor, o erotismo, Tucha ou os animais son aspectos que transitan pola publicación de Edicións Xerais de Galicia. Tamén sinalaba o ex presidente da Real Academia Galega que no percorrido por esa ducia de capítulos se pode atopar a esencia do conxunto da súa obra. «Tovar viaxa a esferas moi íntimas e moi fondas da súa atormentada condición espiritual, e faino de tal xeito que é moi difícil atopar na poesía hispana do seu tempo unha musa existencialista da súa grandeza poética», sinala. 

Para o autor da antoloxía, Delfín Caseiro, o escritor sempre foi unha persoa que malia ter sido un solitario estivo moi atento á realidade social e mantivo dende a sá militancia de esquerdas un compromiso cos desherdados e as persoas que estaban na marxinalidade. O libro inclúe 67 textos, dos sete poemarios galegos, e nos mesmos están presentes inquedanzas como a súa querencia por animais como os cans ou os bois, o amor ou o erotismo, entre outros aspectos. A pescuda entre os materiais que o poeta deixou á súa morte tamén permitiu descubrir textos inéditos.