Treixadura, Isabel Risco e a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas, os premiados deste ano
20 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ata o día 22 • Diferentes horarios e espazos • Ramirás, Celanova e Ourense • Xa está de volta unha das iniciativas máis salientables e recoñecidas do folclore galego: o Festival Internacional Rebulir (FIR). Unha edición a deste 2024, a dezanove, que chega co valor engadido de contar cunha maior duración e coa participación de máis de trescentas persoas. Como cada ano o epicentro das actividades será o polideportivo de O Picouto, en Ramirás. O FIR 2024 está dedicado á muller rural, para poñer en valor o seu papel como piar social e cultural do medio rural galego.
Para hoxe están previstas tres actividades. No colexio Rogelio García Yáñez poderase ver o espectáculo «A Pita Xefa», da Compañía Alakrán (11.00 horas). Ás 16.30 horas desenvolverase o obradoiro «Aprendemos o mundo», na residencia de maiores O Mosteiro. Xa pola tarde-noite, a partir das 20.00 horas, haberá foliada polas rúas de Ramirás e Celanova.
Gala central
O sábado, día 21, haberá animación na praza Maior de Celanova e en Vilavidal a partir das 13.00 horas. E dende as 16.30 horas na residencia O Mosteiro. A gala do FIR comezará ás 19.00 horas no polideportivo do Picouto. Presentarán Lupe Blanco e Josinho da Teixeira e os premiados deste ano son o grupo Treixadura, a actriz Isabel Risco e a Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegos (AGG). Tamén haberá un recoñocemento especial para a comunidade emigrante galega en Cataluña polo mantemento e promoción da cultura galega no exterior. Na gala central desta edición actuarán grupos de Galicia, Portugal, México, Asturias, Timor Leste e Valencia.
A programación do festival foi presentada onte nunha rolda de prensa na que participaron o director do FIR, Alexandre Sotelino, Carmen Pita (Turismo), Isabel Gil (alcaldesa de Ramirás), Sandra Quintas (Cultura) e Marcos Vázquez (Deputación).