Paco Campos: «Hai cancións só con guitarra porque son un triste 'cantautor de las narices', como dicía Aute»

María Cobas Vázquez
maría cobas O BARCO

OURENSE

Paco Campos actúa hoxe no Barco de Valdeorras.
Paco Campos actúa hoxe no Barco de Valdeorras. CEDIDA

O barquense volve á casa para presentar o seu último disco, «Cantarenas na noite», con poemas de Florencio Delgado

20 dic 2024 . Actualizado a las 18:22 h.

Paco Campos (O Barco de Valdeorras, 1955) non coñeceu a Florencio Delgado Gurriarán en persoa, mais sempre escoitou falar do poeta de Córgomo por boca dos seus pais, que si tiveran trato con el. Por iso cando no 2022 por fin protagonizou o Día das Letras, Campo materializou unha idea na que levaba tempo matinando: musicar algúns dos seus poemas. O resultado foi un espectáculo titulado «Cantarenas na noite», que vén de transformar nun disco. O sábado 21 ás 20.30 horas dará un concerto no teatro Lauro Olmo barquense. A entrada é de balde.

—Florencio en Valdeorras era como un [Federico García] Lorca, incluso a xente analfabeta sabía algúns dos seus versos porque el era un home moi extrovertido e cantaba moito polas tabernas e nas festas, era moi popular. Eu sempre estiven interesado en musicar un poema seu.

—E fíxoo co gallo das Letras.

—Era un recital de poemas e algunha canción con imaxes. Nese momento tiven o compromiso de que non fose algo pasaxeiro, de que «pasou o día, pasou a romaría». E decidín facer algo que quedara e levalo no meu repertorio. E por iso desde o 2022 levo no tema da gravación do disco, totalmente artesanal.

—¿Un disco artesanal?

—Si. Compuxen todas as músicas menos unha e toquei todos os instrumentos e graveino eu, aínda que despois foi masterizado en estudo. O resultado é unha cousa moi humilde dentro dos meus coñecementos pero feita con moito cariño.

—¿Que ha de agardar o público do concerto de hoxe?

—Recolle un pouco a esencia daquel recital pero agora está máis volcado na música, hai máis cancións que as que había naquel momento, e mantéñense os poemas e as imaxes, e hai outras novas. É un pouco daquilo pero máis redondo e máis musical. Como daquela, trato de reflectir a traxectoria de Florencio, desde a primeira etapa dos poemas máis festivos, do viño, da natureza e das xentes de Valdeorras; despois a parte central da guerra civil e o seu compromiso, os seus poemas de combate e satíricos que son coma as cantigas de escarnio ou maldizer; e despois o exilio e o contacto con outra cultura en México. É un home que tivo unha obra relativamente curta, que prometía moito. Esa decisión truncou un pouquiño a súa carreira, pero dá medida do seu compromiso e a súa coherencia. É como unha obra de teatro sobre a vida de Florencio pero contada unicamente cos seus poemas ou cancións baseadas en poemas del. Levan como un fío cronolóxico.

—¿Toca todos os instrumentos?

—Interésame moito saber como funcionan os instrumentos. O que menos mal fago é cantar e acompáñome coa guitarra. No disco graveinos todos. Hai tamén trompeta, acordeón, algún piano, algunha percusión...

—¿E na actuación, vai só ou con banda?

—Levo só a guitarra, pero aproveito os «soundtrack» e por veces cantarei sobre esa pista onde están todos os instrumentos gravados. E hai momentos nos que quedarei só coa guitarra e a voz, que é o que máis lle chega á xente nos concertos. Porque eu o que son é un triste «cantautor de las narices», que dicía Aute (ri).