Parada de Sil, no corazón da Ribeira Sacra

La Voz OURENSE

PARADA DE SIL

O mosteiro de Santa Cristina.
O mosteiro de Santa Cristina. Alejandro Camba

A localidade ofrece unha chea de propostas de ocio durante agosto

31 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Os Balcóns de Madrid, con incribles vistas aos canóns do Sil, o Museo de Chocolate, o Mosteiro de Santa Cristina ou a pasarela do Río Mao son os recursos turísticos máis coñecidos de Parada de Sil, os que atraen a milleiros de persoas cada ano ata a localidade, situada no corazón da Ribeira Sacra. Un turismo que en agosto se multiplica e por iso desde o Concello artellan medidas para que sexa ordenado. É por iso que durante o verán non se pode baixar co coche ata Santa Cristina. O traxecto faise en bus lanzadeira despois de aparcar no estacionamento disuasorio que hai á entrada da vila. Si se pode chegar co coche propio ata o museo de Chocolate en Teimende. Sexa cal sexa o destino, desde o Concello recordan que hai un servizo en internet para poder reservar as entrada e non ter que facer longas esperas ou, o que é peor, chegar e que non haxa sitio. Toda a información está en https://turismo.ribeirasacra.org/.

Ademais dos enclaves turísticos, Parada de Sil ofrece no verán unha chea de propostas de ocio para veciños e visitantes. O día 11 ás 19.00 horas proxectarase a curta Barxavoca, nun acto no que estarán a directora, Rosa Taboada, entre outros dos participantes na cinta. O sábado 19 ás 11.30 horas haberá un obradoiro de muralismo e pinturas naturais na praza do Concello; e ás sete da tarde comezará o festival de corais na igrexa de santa Marina. Para o día 26 está previsto un concerto do guitarrista Marcos Díaz. Será no mosteiro de Santa Cristina. Para pechar o mes, o 31 serán as festas patronais, na honra de San Ramón.

O 9 de setembro haberá un roteiro cultural e gastronómico que pasará por Os Torgas e os Balcóns de Madrid. O 23, concerto de Iñaki Alberdi e o 30, de Pedro Sousa e María Bayley.