CAPITAL E TAL | O |
29 abr 2006 . Actualizado a las 07:00 h.Algo pasa en Galicia que eu non atino a explicar. Con todo o que está caendo por aquelo do top manta, a loita continua da SGAE por acabar cos piratas de saldo e cos profesionais do Emule, van os políticos galegos e dan un xiro de torca a todo este estatus quo. A peculiaridade desta raza autóctona e que estes se están a baixar arquivos uns dos outros, me explico. O popular Núñez Feijoo e o señor Baltar, si dixen ben, asisten a bodorrios gais e animan aos seus edís a casar cos seus iguais, propoñen eliminar todas as peaxes de Galicia que eles mesmos venderon, o señor Pérez Touriño abandeira a defensa do galego e da Galiza nación e todos din grazas onde dende sempre era gracias, e que dicir de Lores, o do Puro Lérez, que tal Fraga en Palomares anuncia un estupendo baño no río Lérez para amosar a súa limpeza. Paco Vázquez, bueno, sir Paco non cambia, eso si, tan só Coruña polo Vaticano. En fin, o mundo ao revés, algo pasa en Galicia, ou mellor, cos nosos políticos que con isto do pirateo están a volverse un pouco tolos. ¿Alguén se imaxina a Don Manuel Fraga, a don Ceferino Díaz ou ao mesmo Beiras exercendo, cal Ramoncín, unha loita sen cuartel contra esta nova piratería dos líderes galegos? En fin, isto estará por ver e será o pasar do tempo ou a enquisa de turno a que dará cordura ou máis copias a todo este panorama. De momento, que ningún cidadán de a pé se asuste ao ver a un dos nosos políticos no seu coche oficial, parche no ollo, garfio na súa man, dereita ou esquerda segundo os casos, pata de pao de eucalipto e o aparato de radio a toda mecha con aquela bonita canción de Presuntos Implicados que dicía: Ay, como hemos cambiado¿