O Telescopio da Cultura recolle a actividade no Pazo, no Principal e no recinto feiral
PONTEVEDRA
O mércores saen á venda as entradas para o ciclo Ponteatro, que presenta catro espectáculos
05 oct 2021 . Actualizado a las 05:00 h.Pontevedra conta xa co Telescopio Cultural, referente a partires de agora para estar ao tanto da actividade cultural que teña lugar no Pazo da Cultura, Teatro Principal e recinto feiral. Nunha mesma páxina web -cultura.pontevedra.gal- unificará a información que antes aparecía na extinta web do Pazo da Cultura, o apartado de Axenda Cultural da web do Concello e páxina principal deste. O Telescopio conta tamén cun formato revista semestral.
A concelleira de Cultura, Carme Fouces (BNG), explicou que «as obras do Principal serán finalmente compatibles coa programación de novembro e decembro, polo que a programación prevista para este espazo poderán celebrarse aquí con normalidade. As Matinés permanecerán no Auditorio do Pazo porque xa se puxeran á venda e non é posible mudalas».
Teatro no Principal e o Pazo
En canto á programación en si, unha escolma do mellor teatro en galego chegará ao Principal en outubro e novembro dentro do ciclo Ponteatro. Serán catro espectáculos que manterán os prezos habituais (8 euros a entrada, con descontos de catro euros para estudantes, desempregados e xubilados), e recupera o formato abono a un custo de 28 euros. Estarán á venda a partir deste mércores.
Tamén haberá teatro no Pazo. O día 13 de novembro, A vueltas con Lorca, con Carmelo Gómez; e o día 20 de novembro, a gran produción do entro Dramático Galego O charco de Ulises. As entradas para estes espectáculos sairán á venda proximamente.
Da restante programación para este trimestre, algunha dela xa presentada como o concerto de Silvia Pérez Cruz que onte sacou novas entradas á venda por mor da ampliación real do aforo ao 75%, as Matinés con Balthazar e Maika Makovski (ambas no Pazo e con próxima ampliación de entradas), Guerrilla que ampliarán tamén o seu aforo para os espectáculos de 7, 8 e 9 de outubro no Principal, Carme Fouces salientou o concerto de Madeleine Perroux, o de Carlos Núñez en decembro a volta de Debut ao Recinto Feiral e completará a experiencia cunha exposición en decembro e xaneiro Queridas cousas: historias vestidas.