Ruidosos, contestatarios, pero sen mugre... Catro décadas de punk en Galicia
PONTEVEDRA
A Fábrica de Cervexa Nasa acolleu onte a estrea en Pontevedra do documental «Semente de Berrar. 40 anos de punk en Galicia»
06 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Radio Océano, Os Skacha, Sakarmento, Los Cafres, Tiro na Testa... Son só algúns dos nomes propios do punk galego que se reivindican no documental Semente de Berrar. 40 anos de punk en Galicia, que este sábado estreouse en Pontevedra na Fábrica de Cervexa Nasa, unha das empresas que participou no crowdfunding inicial para o seu finanzamento.
Iago Santás está á cabeza dunha produción que «xurdiu da necesidade de facer algo que documentase estes corenta anos de punk-rock en Galicia, que para nós foi un movemento bastante importante polo que quixemos trasladar o micrófono aos protagonistas desa escena dende o 1981 ata o 2021». O punto de partida non é outro que o nacemento de Siniestro Total e o seu primeiro disco, dos que recoñece que «de todas as bandas que saen no documental é a que foi profesional. Moi pouca xente recorda o seu pasado punk porque logo foi un pouquiño máis de rock ao uso, pero os primeiros EP e LP eran punk puro e duro, e foron punto de partida para moitos».
O certo é que o punk galego non soe ocupar titulares na prensa musical, unha situación que Santás achaca a que «o que molesta sempre se mete debaixo da alfombra. E o punk, independentemente de que haxa moitas formas de velo, sempre foi un movemento contestatario. Pero en Galicia o movemento punk foi unha referencia no Estado español, foi unhas das escenas más potentes», remarca.
Pero o tempo transcorrido e, posiblemente, a súa escasa implementación no imaxinario colectivo fixo que cando se fala de punk, xa sexa en Galicia como en Madrid ou Andalucía, irremediablemente a conversa xire en torno ao denominado rock radical vasco. «É certo», recoñece o director de Semente de Berrar. 40 anos de punk en Galicia, ao tempo que incide en que «a sorte que tiveron en Euskadi foi que tiveron unha escena musica moi boa na que lograron pechar o círculo. Tiñan discográficas, sitios onde tocar, unha infraestrutura por e pare eles, con axudas, pero tamén autoxestionada. E en Galicia, as bandas estaban ao mesmo nivel, pero o resto da infraestrutura, a nivel de selos, a nivel de gravar, a nivel de medios de comunicación... era moito máis subsidiaria», remarca, ao tempo que insiste en que os primeiros trabalos de Radio Océano ou Os Skacha non teñen nada que envexar aos feitos en Madrid, País Vasco ou Barcelona.
Á hora de abordar estas últimas catro décadas, Iago Santás e o seu equipo atopáronse con algunhas dificultades, que foron dende cuestións vencelladas coa parte técnica ata acadar os fondos para sacar adiante este proxecto, pero tamén resultou complicado contactar con algúns dos protagonistas pioneiros deste movemento que na actualidade xa estaban, dalgunha maneira, afastados da escena. Ao final, Semente de Berrar reuniu corenta testemuñas coas que revela outros tantos anos de anticonformismo musical.
O presente
«Resiste». Esta é a palabra que emprega o realizador cando se lle pregunta pola situación actual do punk galego. «Ás veces, é moi difícil o relevo xeracional porque ao mellor a un rapaz de 14 anos hai outras músicas que lle chaman máis ou son máis sinxelas de facer, pero creo que segue a resistir, segue habendo un circuíto de salas onde tocar, sobre todo, nas capitais de provincia, mentres que nas vilas se seguen a facer concertos. Podía estar peor... Mellor, tamén», reflexiona ao tempo que confirma que, aínda que se tomará un tempo de descanso, «na cabeza si que hai algunha cousiña tamén rescatando persoeiros que están un pouquiño esquecidos».