Francisco Castro, premio Fernández del Riego por un artigo publicado en La Voz de Galicia

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

CEDIDA

El director de Editorial Galaxia recolleu en Pontevedra o premio por «Coiden da música»

26 oct 2022 . Actualizado a las 00:04 h.

A dezanove edición do Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego recaeu este martes no escritor e director de Editorial Galaxia Francisco Castro polo seu artigo Coiden da música publicado en La Voz de Galicia. Francisco Castro estivo acompañado no Café Moderno de Pontevedra polos outros dous finalistas, Claudia Morán e Diego Giráldez.

Francisco Castro trasladou o seu «agradecemento e a emoción de poder contar» con un galardón no que nesta edición presentáronse un total de vinte e sete artigos publicados en distintos medios de comunicación. De igual xeito, o director de Galaxia agradeceu a Afundación «o apoio ao xornalismo, e, en concreto, ao xornalismo en galego. O seu papel é fundamental», ao tempo que recoñeceu a calidade dos traballos dos restantes dous finalistas deste certame.

Publicado o pasado 29 de decembro, en Coiden da música, Francisco Castro, co leit motiv dun video de Lady Gaga e Tony Bennett como trasfondo, defende a necesidade de que a música teña máis peso no currículo escolar e como é capaz de que xentes enfermas de alzhéimer ou outras doenzas que non responden a ningún estímulo, si o fagan ante os acordes de determinadas cancións.

Pola súa banda, Pedro Otero Espinar, director xerente de Afundación, foi quen abriu o acto no que seu a coñecer ao gañador do Fernández del Riego recordando o feito de que «con cada edición deste galardón que convocamos, contribuímos a dinamizar o panorama cultural de Galicia, e iso, para nós, significa materializar o compromiso adquirido para impulsar o coñecemento a través da cultura». Na súa intervención trasladou aos finalistas os seus parabéns incidindo en que «a concorrencia constante a este certame reflicte o interese por unha prensa de calidade escrita en galego e que, da man dos novos valores das nosas letras, procura satisfacer as demandas esixentes da sociedade».

O xurado

Foi un xurado composto por Carlos Valle, Fina Casalderrey, Míriam Ferradáns, Gloria Rodríguez López e presidido por Víctor Freixanes quen se decantou por Coiden da música. De feito, Carlos Valle, ao ler a acta, confirmou as dificultades que tiveron nesta elección pola elevada calidade dos tres textos, o que propiciou un intenso debate interno.

Foi algo que constatou tamén o propio Vítor Freixanes. Na súa calidade de presidente do xurado remarcou, non só o compromiso de Afundación coa cultura, senón que acentuou o valor do «talento, que no caso das tres finalistas foi poñer en palabras as emocións e sentimentos profundos que todos temos. Os vosos traballos son moi intensos e están moi ben escritos, vén unha nova xeración de escritoras nos xornais: as xornalistas literarias que engrandecen a nosa literatura».

Vindeira edición

No transcurso do acto de entrega deste premio que impulsa Afundación, a escritora, filóloga e profesora emérita da Universidade de Vigo, Camiño Noia, abordou no seu relatorio a figura de Francisco Fernández del Riego, a quen se lle dedicará o Día das Letras Galegas no vindeiro 2023. De feito, a raíz desta homenaxe, a obra social de Abanca decidiu convocar xa, coincidindo coa entrega do premio, a vindeira edición deste certame, que presentará as súas persoas finalistas no próximo mes de maio, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas.