Galegote Rock, música en galego que non entende de idades en Pontevedra
PONTEVEDRA
As previsións de choiva fan que se trasladen os concertos á Karma e á Praza do Concello
06 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Despois dos concertos de onte que funcionaron a modo de presentación da edición deste ano, hoxe é a grande cita de Pontevedra coa música rock en galego. O feito é que a previsión de choiva para a fin de semana, aínda que non fará perigar o Galegote Rock, si que fixo mudar os escenarios previstos inicialmente e os horarios dos concertos.
Isto implicará que as actuacións que antes ían estar distribuídas polos Xardíns de Marescot, o Campiño ou a Avenida de Santa María pasan a ter como dous ubicacións: a Praza do Concello e a Sala Karma. No caso primeiro, co fin de ofrecer un espazo libre de auga, o público e os artistas contarán cunha carpa para gozar da música sen medo a choiva.
Doutra banda, os horarios tamén se viron modificados para permitir e manter todas as actuacións previstas.
O que sin non variará é a filosofía do Galegote Rock, a súa aposta por apostar por unha mestura de nomes relevantes, promesas futuras, xéneros diversos e, todo isto, coa lingua galega como base.
O Galegote Rock volve configurarse como o escaparate da ampla variedade musical «que temos en galego en todo país e, neste caso en especial, en Pontevedra (...) Temos novas bandas, novos estilos... A música galega está a vivir un proceso de rexeneración onde cada vez máis xente se achega a ela», destacou o concelleiro de Normalización Lingüística, Alberto Oubiña.
E co obxectivo de acercar estas propostas ás novas xeracións mantense, segundo destacaron dende o Concello de Pontevedra, «o carácter festivo do evento, diverso, e mesmo cunha programación infantil e xuvenil especial».
As actuacións arrancarán na Praza do Concello a partires das 12.30 horas con Catuxa Salom para logo seguir con Ukestra do Medio (13.30 h.) ou Moura (16 h.). Dúas horas máis tarde tocaralle a Lucía Aldao e Anxo Araújo subirase ao escenario ás 20 horas, mentres que ás 22 h. será a quenda de Lamontagne & Picoamperio e Fillas de Cassandra. De feito, o dúo conformado por Sara Faro e María Pérez serán a as encargas de pechar esta intensa xornada de música en galego dende as 23.30 horas.
Infantil e xuvenil
Pola súa banda, na Sala Karma programáronse unha serie de actuacións enfocadas a un público infantil e xuvenil, con propostas como Pakolas (13 horas), Mamá Cabra (17 h.) ou o concerto especial que ofrecerá, dende as 19.30 horas, Xeración Sónica.
«Esta é unha aposta firme por programar música galega de calidade, poñendo en valor o noso idioma e axudar a que as bandas sigan a rular polo resto das salas, sigan entrando e creando un circuíto de seu, e os festivais máis grandes comecen a contar son músicos e músicas que fan cancións en galego», incidiu Alberto Oubiña.