Silvia Penide, cantante: «Non teño a sensación de que pasaran xa vinte anos»

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

cris pontanilla

A cantante celebra as súas dúas décadas de carreira e o Día das Linguas de Sinais cun concerto no Teatro Principal

23 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Paréceme que empecei onte. Non teño a sensación de que pasaran xa vinte anos, a nivel persoal, si, pero a nivel musical, aínda que houbo momentos duros, fíxose case sempre o camiño moi fermoso. Pero en realidade son máis porque eu tiña maquetas anteriores ao primeiro disco, antes do 2003, así que, en realidade, levo máis de media vida cantando. Vou a por outros vinte sen problemas». Deste xeito, Silvia Penide aborda o concerto que ofrecerá hoxe, a partires das 20.30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.

—E chega cun novo traballo, «Mientras dura el aplauso»?

—Si. Sabíamos que queríamos facer algo significativo. Gústame celebrar moitísimo de cinco en cinco anos. É bonito celebrar que segues nos escenarios. Xa no 2018 fixeramos un usb conmemorativo e agora, xa polos vinte, había que facer unha festa e festexar, sobre todo, co público que leva seguíndome dende hai moitos anos, coa xente coa que traballo, polo que o vinilo era un xeito de facer como un obxecto único, porque hai pouquiñas unidades, que fose unha capsuliña do tempo porque leva cancións de hai moito tempo, cancións de agora e, incluso, unha inédita e na que saíran compañeiros, voces coas que tiven a sorte de poder cantar e reflectir o que foron estes vinte anos.

—Pero tamén é un título que é toda unha declaración de intencións de cara o futuro.

—Si. Non se nos ocorría, non sabíamos moi ben como poñer esa especie de laciño que é o título dun traballo, que ten que ser moi definitorio do que vai dentro. E ao final unha canción deume a resposta porque di: «Sobrevivimos mientras dura el aplauso, es más suave el temblor». É unha frase adicada a todo o mundo do titiriteo. Ao final, a xente artista, mentres o aplauso está aí, mentres o sinte, da igual se son moitas mans ou poucas, segue con forza.

—O concerto celebrase nunha data moi especial, xa que se conmemora o Día Internacional das Linguas de Sinais...

—Si. Teño un proxecto no que estou traballando, que é un proxecto para peques cun libro que se chama Diferentes Diferenzas, que é un libro contra o bullying e levamos sempre unha intérprete de lingua de sinais, Natalia Navaza. E un proxecto que o gozo moitísimo porque eu ademais tamén aprendo a dicir cousiñas. É algo moi fermoso no escenario. Poder xuntar os dous proxectos deste xeito é algo que me fai moita ilusión.

—E nun espazo tan emblemático como o Teatro Principal?

—É destes sitios onde pensas... Eu estiven aí vendo a outros artistas e pensas «jolín, como me gustaría algún día poder traer as miñas cousiñas a esta oficina tan especial». Cando me dixeron que a data estaba confirmada foi un subidón. Eu son un pouco todo terreo, porque toco en sitios moi dispares, moi variopintos. Non son unha artista que encha recintos, pero as miñas oficiniñas son sempre lugares especiais. Sei que no Teatro Principal vou a respirar profundo antes de saír ás táboas.

—Segue a sentir bolboretas no estómago antes dun concerto?

—Si, nervios felices como os denomino eu. Lémbrome de Lino Braxe, que coincidimos nunha actuación e antes de saír á escena, el díxome: «Respira profundo e non penses en nada, non penses en nada». Sempre levo comigo ese consello tan fermoso de alguén tan fermoso. E si, esas bolboretas están aí, están sempre. 

 —Como foi o traballo de produción de «Mientras dura el aplauso»?

—Tivemos que facer unha especie de encaixe de boliños para xuntar todas as cancións é que tivera unha sonoridade que encaixara ben. Hai cancións do 2007 e outras de fai uns meses e, dalgunha forma, todas tiñas que sonoramente funcionar. Había tamén voces moi dispares e traballamos da man de tres produtores, que iso tamén foi toda unha aventura, pero o puxeron superfácil. E, ao final, toda a labor de masterización final fixoa Arturo Vaquero. Foi moi bonito porque íanme chegando notas de audio de Guadi Galego, de Andrés Suárez, fotos de sesións de estudio con Arturo Vaquero do ano 2006 e eu cunha cara de nena que non sabía onde me estaba metendo... Foi un proceso moi emocionante porque ao mesturar tantas épocas distintas da miña carreira e tamén mesturar épocas disintas da miña vida. Foi un proceso de moi de cine de autor, como se me estiveran gravando cunha cámara... O resultado final foi como un pequeno álbum de fotos emocional.