A Deputación de Pontevedra quenta motores de cara ao Culturgal, onde desenvolverá dous concertos

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación da edición de Culturgal que arranca o venres
Presentación da edición de Culturgal que arranca o venres Ramón Leiro

Ademais, Kalandraka e a libraría Paz teñen prevista unha programación propia

30 nov 2023 . Actualizado a las 09:24 h.

No marco de Culturgal, que arranca este venres, a Deputación de Pontevedra estará presente cun stand propio baixo o lema de +cultura, +provincia e no que amosará a ampla variedade de eventos culturais que impulsa a administración. Ademais, e durante os tres días de feira, este posto «acollerá actividades dirixidas ao público máis novo e ao público xeral, nas que se apostará pola cultura máis emerxente da provincia».

Así, o sábado, de 12 a 13.30 horas, está programado o obradoiro Crea Pontes con Taller Abierto, no que os nenos se inspirarán e recrearán a ponte da provincia que escollan en formato diorama. De igual modo, «o resto da fin de semana porase á disposición dos cativos material para realizar unha actividade libre sobra as pontes da provincia», engadiron precisando que, ao longo de toda a fin de semana, levaranse a cabo actuacións en directo.

O grupo Lontreira, formado por Héctor Rodríguez (Moaña), Iván Barral (Meis) e Adri (A Illa de Arousa), estará o mesmo sábado pola tarde (19.30 h.). O trío foi finalista na categoría de Artista Emerxente nos Premios Martín Códax da Música 2023 e foi seleccionado entre os cen mellores grupos polos eurofáns na elección interna de Eurovisión España, quedando ás portas da final do Benidorm Fest 2024.

Pola súa banda, o domingo, a partires das 13.30 horas, esta previsto o concerto de Leticia Rey, «cantautora de Vila de Cruces que está a facerse oco no panorama musical galego actual como compositora e intérprete. Galardoada co Premio Mans da Fundación Paideia, estará acompañada do pianista Iago Mouriño.

Como xa é habitual, o Museo de Pontevedra tamén participará na Culturgal exhibindo no Espazo Arte as obras premiadas na última edición do certame Novos Valores. Trátase de 1851-1888-1900, de Sandra Barreiro Parguina, Estados intermedios-Estados residuales, de Antía Iglesias Fernández, Canto custa unha imaxe?, de Andrés Sanjurjo García, e Percorrer, atravesar, andar, de Lucía Perdiz Dávila.

Libraría Paz e Kalandraka

Pola súa banda, a Libraría Paz organiza o sábado toda unha xornada de sinatura de libros, de tal xeito que ás 12 horas estará no seu stand Luis Davila, autor de O Bichero, mentres que ás 16.45 horas pasarán María Villamarín, Silvia Penas, Rocío Viéitez e Martín Romero. Ás 18 horas contarase con Antón Recamán, unha hora despois con Susana Sanches Arins e ás 10 horas con Eva Mejuto.

Tambén acudirá ao Culturgal, a editorial pontevedresa Kalandraka, que celebrará o sábado, a partires das 12 horas, o seu 25 aniversario coa realización dun mural colectivo coa participación de varias ilustradoras e ilustradores, que asinarán exemplares das súas obras. De igual xeito, no Espazo Infantil, Olalla González e Marc Taeger levarán os Contacontos ilustrados (18 h.), mentres que Bernardo Atxaga, acompañado por Ramón Rozas, presentará Exteriores do Paraíso (19 h.).

Xa o domingo, ás 12 horas, o xornalista Xesús Fraga presentará a súa obra Río Miño, nun acto no que estará acompañado por Ramón Nicolás. E, ás 19 horas, desenvolverase un recital poético colectivo no que participarán, entre outras, Helena de Carlos e Oriana Méndez.