Culturgal cumpriu có obxectivo de recuperar o calor do público

Serxio Barral Álvarez
Serxio Barral PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

A Feira das Culturas Galegas superou as cifras de asistencia do ano pasado pasando dos 10.000 visitantes

04 dic 2023 . Actualizado a las 19:58 h.

O recinto feiral de Pontevedra despediu este domingo unha nova edición de Culturgal, a Feira das Culturas Galegas. E fíxoo cun dato máis que notable de asistencia, xa que máis de 10.000 persoas pasaron polo recinto nos tres días que durou o evento. A cifra de público supera amplamente a acadada na edición do 2022, e supón todo un éxito para ­os organizadores, que neste ano apostaron por un cambio «de aspecto, de ambiente e de filosofía», tal e como explicou o director do Culturgal, Camilo Franco, coa finalidade de por en valor as culturas galegas e de recuperar o pulso do público na feira pontevedresa.

Tras unha verdadeira avalancha de asistentes na tarde do sábado, a derradeira xornada foi novamente un compendio do moito que se pode vivir en Culturgal nun día calquera, con cerca de medio centenar de propostas culturais para todos os gustos e idades, ademais dos postos de exposición. Proxectáronse dúas das películas galegas máis exitosas do ano, coa asistencia dos seus directores aos coloquios posteriores: O Corno, de Jaione Camborda; e Matria, de Álvaro Gago. Presentaron libros Xesús Fraga, Fran Fernández Davila, Clara Martín ou Manuel López Rodríguez; recitaron poesía Helena de Carlos, Oriana Méndez, Yolanda Castaño e María Lado; Kiko da Silva e Miguel Robledo ilustraron en vivo; presentouse o cómic Os suicidantes, de Diego Ameixeiras e Tomás Guerrero; no eido musical actuaron Óscar Martínez e Miguel Alonso; houbo maxia, contacontos, narracións, teatro... e un contundente fin de festa a cargo da Orquestra Galega de Liberación, que despediu o Culturgal ata o ano próximo.

Culturgal 2023 pechou ás súas portas, e bota a andar xa a vindeira edición.