Luis Bassat e Toni Segarra participarán en Pontevedra no congreso Flúor, de negocio dixital e publicidade

La Voz PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Presentación do Congreso Flúor, este martes no Concello de Pontevedra
Presentación do Congreso Flúor, este martes no Concello de Pontevedra CONCELLO DE PONTEVEDRA

A sexta edición do evento vaise celebrar os vindeiros días 30 e 31 

15 may 2024 . Actualizado a las 16:19 h.

O Congreso Flúor, arredor do negocio dixital, a publicidade e o social media, chega este mes a súa sexta edición co recoñecemento do sector. Pontevedra volverá ser sede desta cita durante os días 30 e 31 de maio, transformándose no epicentro do sector cun dos congresos máis relevantes a nivel estatal, con relatores de primeiro nivel e asistencia de empresas punteiras.

Está prevista a participación de Luis Bassat, unha das voces referentes no mundo da publicidade, fundador de Bassat Ogilvy recoñecido con máis de 400 premios; Toni Segarra, publicista e creativo cuxos eslóganes transcenderon á cultura popular («Bienvenido a la república independente de mi casa» ou «¿Te gusta conducir?»); Andy Stalman, destacado conferenciante e un referente mundial en branding ou Inês Fonseca, responsable de márketing de Johnnie Walker para o sur de Europa.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, participou este martes na presentación do Flúor acompañado por Alberto Garnil, presidente do Clúster da Comunicación de Galicia; e do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández.

Garnil agradeceu a contribución e apoio das institucións á hora de poder levar a cabo o congreso, sinalando que «desde o seu inicio procurou destacar as voces máis importantes no eido estatal dentro do márketing e da comunicación dixital».

Pola súa banda, Lores mostrouse satisfeito de acoller «un congreso que nos permite seguir sendo referentes nesta materia e que achegará até Pontevedra entre 500 e 600 persoas», co que deixará unha pegada notable na cidade. «Estamos contentos e orgullosos, pois Flúor figura como outra cita relevante coa que nos presta colaborar e contar», sinalou o alcalde.