O BNG celebra os 25 anos de Lores na alcaldía

PONTEVEDRA LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

Conmemora un cuarto de século na alcaldía coa vista posta no futuro

22 jun 2024 . Actualizado a las 23:49 h.

O BNG e Miguel Anxo Fernández Lores conmemoraron onte os seus 25 anos na alcaldía de Pontevedra coa vista posta no futuro. Os organizadores do acto fixeron fincapé no porvir máis aló do balance deste cuarto de século do nacionalista á fronte da alcaldía de Pontevedra. Celebrado no Teatro Principal, todo o seu equipo e a portavoz nacional do BNG Ana Pontón acompañaron ao rexedor municipal.

«A viaxe conxunta ao porvir». Así calificou Lores o periplo que a cidade comezou en 1999 co seu primeiro mandato na corporación municipal. «Aínda ten moitas etapas que avanzar, probablemente as máis importantes por percorrer», asegurou, coa vista posta no futuro, unha idea, a da continuidade cara adiante do proxecto, que sobrevou todas as intervencións. Subliñou Lores que os retos que veñen por diante «son de aúpa» e «van revolucionar o día a día das nosas vidas e das nosas cidades». Apostou por aproveitar a posición avanzada na que está Pontevedra —asegurou— e seguir confiando no proxecto e o modelo de cidade que os nacionalistas desenvolveron en gobernos en minoritario e en coalición ao longo deste cuarto de século. «Entre todos

e todas vamos seguir avanzando, superando retos e conquistando un futuro mellor. Adaptarse e adiantarse non vai ser fácil, vai esixir estar en tensión, usar moita intelixencia e moita ilusión, moita razón e máis corazón. Pero estou convencido de que Pontevedra os vai superar con éxito. Pontevedra non vai renunciar a seguir avanzando, a ser un concello de vangarda», asegurou Lores.

Non levarse pola corrente

Tivo tempo incluso o rexedor, con retranca, de tirar do refraneiro castelán: «Camarón que se duerme, se lo lleva la corriente». Botando unha ollada a estes 25 anos de mandato ininterrumpido, Lores lembrou que en abril de 1999 o grupo do BNG fixo á cidadanía «unha proposta radicalmente diferente, alternativa, rompedora e novidosa, contracultural», asegurou. Coñecemento, paixón, intelixencia e entusiasmo, razón e corazón son algúns dos ingredientes que Lores enumerou para a fórmula do BNG para os 25 anos pasaros e ese futuro polo que apostan os nacionalistas para Pontevedra. fronte a elas, calificou de «solucións simplonas e máxicas» a alternativa. Segundo o alcalde, grazas a ese proxecto, durante os últimos 25 anos Pontevedra non só recuperou tempo, senón que adiantou á maioría das cidades. «Pontevedra avanzou nestes 25 anos máis que a maioría das cidades en 50 anos», ensalzou.

Asegurou que o modelo de calidade de vida, as solucións para o ciclo da agua, as zonas de baixas emisións ou a compostaxe, son solucións que se intentan copiar noutras cidades: O alcalde fixo fincapé en que o modelo BNG ten dúas bases sólidas: nacionalismo e sustentabilidade. Nacionalismo, dixo, por confiar nas potencialidades e capacidades propias e por buscar tamén solucións propias aos problemas propios aprendendo de todas partes, do máis avanzando do mundo, pero aplicándoo aquí.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mostrou na súa intervención o seu «agradecemento e orgullo» pola «xigantesca» tarefa desenvolvida por Lores e o seu equipo ao longo destes 25 anos e que trouxo como consecuencia «unha obra transformadora que puxo a Pontevedra no mapa do mundo» e que fixo da cidade «un referente internacional de calidade de vida e benestar e, sobre todo, que mellorou a vida da xente».

Lores «para dar e tomar»

Pontón tamén fixo referencia ao futuro e dixo ver ao alcalde pontevedrés e ao seu equipo «ilusionado, con proxectos e con ideas» para facer da «próxima década a de maior avance, modernización e dinamismo da historia de Pontevedra», logo de conseguir un cambio transformador na cidade que está á vista. «Que se preocupen na banda da dereita porque hai Lores para dar e tomar!», recalcou a líder do BNG en Galicia.