A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis acada a vitoria no Ciutat de València
PONTEVEDRA
A Banda Municipal de Música de Caldas de Reis acadou este venres a vitoria no Certame Internacional de Bandas Ciutat de València, o maior referente a nivel mundial no seu ámbito. Os setenta 70 músicos participantes amosaron a súa mellor faceta na interpretación das tres pezas establecidas no programa e sorprenderon ao público e ao xurado, destacou o tenente de alcalde Manuel Fariña, quen acompañou á banda en calidade de representante do Concello, pero que tamén participou como intérprete de trompa.
Manuel Fariña puxo en valor, en calquera caso, a «soberbia actuación» da banda de Caldas baixo a dirección de Javier Penido tanto ao interpretar a peza obrigada como a de libre elección e a de presentación. No caso de Sucro Oppidum, precisou que se trataba «dunha obra para Banda Sinfónica composta en 2011 como parte do traballo de fin de carreira de Javier Martínez Campos na especialidade de Composición do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid, que obtivo unha Segnalazione all´unanimità no XXIX Concorso Internazionale dei Composizione per Banda de Corciano (Italia) en 2013». Trátase dunha peza que rende «homenaxe desde unha perspectiva artística, persoal e subxectiva á localidade valenciana de Cullera, municipio situado na ribeira do río Júcar, xunto ao mar Mediterráneo e cun gran pasado histórico e cultural».
As outras dúas pezas interpretadas foron Retrospective, de Carlos Pellicer, como obra libre e o pasodobre La luz del sol, de Jean Pierre Haeck, como peza de presentación.