Como será a cultura do futuro? O Museo de Pontevedra busca respostas

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Germán Labrador e Carme Adán, dous dos intervintes na xornada
Germán Labrador e Carme Adán, dous dos intervintes na xornada

Está prevista a intervención este xoves de German Labrador, Manuel Olveira, Carme Adán e Lourdes Méndez Pérez

06 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro Foro Grial - Galicia 2050, que impulsan este xoves no Edificio Castelao o Museo de Pontevedra e a Editorial Galaxia ten como obxectivo «crear espazos para imaxinar futuros posibles en diferentes ámbitos». Deste xeito, co lema de Pensar para Adiante. Culturas, Artes e Identidades programáronse tres relatorios a cargo de figuras destacadas da cultura e o pensamento.

Así, Germán Labrador, docente, investigador e comisario de arte vigués abordará a A vocación dos estupefacientes. Sete teses sobre a relación entre imaxinación, cultura, memoria e esperanza na Galiza actual. «A partir da célebre frase de Castelao, en que a posibilidade dunha cultura que traballe pola emancipación individual e colectiva se enfronta a unha cultura que traballa para a neutralización e o ensimesmamento, o investigador e comisario galego preguntarase polos horizontes da sociedade e da cultura galegas nun contexto de crise ecosistémica, cambio xeopolítico e peche autoritario dos estados europeos», precisaron dende a Deputación de Pontevedra.

O director do MUSAC de León, Manuel Olveira, analizará ao futuro da arte coa conferencia Futuro sen pasado? Futuros perentorios e pasados inacabados. A través deste relatorio, propón imaxinar futuros doutra maneira tendo en conta pasados que aínda non se atenderon nin se cumpriron, como a emigración, a ditadura e a transición, a subalternidade, a repolitización e democratización da sociedade, a produción de relatos enraizados no contexto e o fortalecemento da estruturas da arte.

Carme Adán, filósofa, ensaísta, profesora e expolítica galega, e Lourdes Méndez Pérez, catedrática de Antropoloxía da Arte da Universidad del País Vasco, manterán unha conversa para respostar a cuestión de si Existe a comunidade?. Esta intervención permitiralles afondar na «problemática das identidades, dende o social ao subxectivo», aspecto que será unha das cuestións centrais desta conversa «entre dúas pensadoras contemporáneas que entenden que construír comunidades esixe manter ou reconstruír relación e obrigas sociais. Para pensar o futuro hai que preguntarse desde onde e con quen o pensamos, sen esquecer a transmisión interxeracional dos coñecementos teóricos e dos saberes prácticos», engadiron ao respecto.

Mesa de debate

A xornada, que estará coordinada por María López Sández e Agar Ledo Arias e está previsto que comece ás 16.30 horas, rematará coas intervencións do público e unha mesa de debate moderada por esta última.