Así foi a xénese de «Papagaio», o libro que Luísa Villalta no chegou ver publicado e que onte se presentou en Pontevedra

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

PONTEVEDRA

Ramón Leiro

A obra foi reeditada recentemente por Kalandraka

08 nov 2024 . Actualizado a las 10:37 h.

Impulsado polo Ateneo de Pontevedra, o Museo Provincial foi escenario da presentación da reedición a cargo de Kalandraka de Papagaio, que compila fotografías de Maribel Longueira con textos de Luísa Villalta, no que foi o derradeiro libro escrito por esta última. A historia de Papagaio remóntase ao 2001 cando se derrubou este barrio coruñés, un espazo tradicionalmente vinculado coa prostitución. O proceso foi captado pola cámara analóxica de Maribel Longueira, cuxa lente non se detivo só nos traballos das máquinas ou no estado ruinoso dos edificios, senón que tamén enfocou algúns dos obxectos abandonados entre os cascallos.

Aquel episodio supuxo para Longueira «o poder achegarme a un tema sobre o que xa levaba tempo que sentía curiosidade». Tras fotografar a demolición do barrio, «empecei a reflexionar sobre que podía facer con esas fotos e o que tiña que facer era unha publicación cunhas imaxes elixidas e convidar a catro ou cinco poetas».

Deste xeito, falou con Eva Veiga, que aceptou, e con Luísa Villalta, que «quedou entusiasmada». Tanto lle gustou o proxecto a autora de Ruído que, ao día seguinte, acudiu a casa de Longueira e levouse duascentas diapositivas. «E, ao pouco tempo, escribiume dicindo que atopara unha pastorela de Dom Dinís que, en lugar dun cervo, utilizaba un papagaio. E logo apareceume na casa con dezanove poemas máis a pastorela», rememora Maribel remarcando que «Luísa sempre tivo o compromiso de darlle voz ás persoas que non tiñan voz».

Ramón Leiro

Esta situación fixo que volvese a falar con Eva Veiga, quen lles deixou vía libre: «O libro é voso». Transcorridas dúas décadas da publicación de Papagaio, a de Pontedeume volve a cruzarse con esta obra ao escribir un dos limiares da súa reedición, mentres que o segundo sae da tinta de Francisco X. Fernández Naval.

No seu día, Papagaio foi publicado por Edicións Laiovento. «Luísa non tivo tempo nin de velo, nin de nada», lamenta Maribel Longueira, quen recorda como, daquela, «me vin cun poemario inédito de Luísa nas mans. Era un poemario, digamos, moi atrevido, moi feminista e non tiña moi claro como podían reaccionar os familiares». Optou entón por facer unha exposición con vinte fotos e cos poemas de Villalta no Colexio de Arquitectos da Coruña. Foi o antecedente da publicación do libro.

Coa homenaxe do Días das Letras Galegas a Luísa Villalta acrecentouse o interese por volver a sacar un libro que estaba esgotado e Longueira, finalmente, decantouse pola editorial pontevedresa Kalandraka. «Parecíame que era a editorial que neste momento podía acadar unha edición, dende o meu punto de vista, o mellor posible», sinala deixando claro que, antes de sacara adiante este proxecto, tiña que estar de acordo a familia de Villalta, que «accedeu».

En canto á estrutura do libro, esta última o dividiu en tres partes, Per amores, Tão em vao e Caeu, que «se corresponden co final da pastorela de Dom Dinís». De igual xeito, distribuíu entre as tres partes as 66 fotografías de Maribel Longueira e os seus poemas.

Por outra banda, as imaxes que ilustran Papagaio conforman unha exposición que na actualidade se pode visitar na sede da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda da Coruña.