O musical infantil máis aclamado da escena galega estrea no Culturgal a súa xira de despedida
PONTEVEDRA
Pola súa banda, PuntoGal celebrará en Pontevedra o seu décimo aniversario
18 nov 2024 . Actualizado a las 09:20 h.O Culturgal, a gran feira das industrias culturais galegas, promete diversión, emoción e diversión, pero tamén un certo sentimento de tristura ao anunciarse que a cita de Pontevedra será o punto de partida da xira que despedirá o musical infantil máis aclamado na escena galega nos últimos quince anos. Deste xeito, o vindeiro 1 de decembro, a partires das 12.15 horas, o auditorio do Pazo da Cultura porá sobre as táboas a última aventura da Nena e o Grilo, os emblemáticos personaxes saídos do imaxinario de Magín Blanco.
Dende a organización do Culturgal precisaron que A Nena e o Grilo, o camiño das cores é a cuarta e última entrega deste espectáculo. «Chegará ao Culturgal para estrear a súa xira de despedida da man de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos», engadiron precisando que as entradas xa están á venda desde 3 euros con importantes descontos por compra anticipada en cultur.gal.
Montse Piñón será de novo a Nena e Pepablo Patinho, o Grilo, e xuntos protagonizarán unha intrépida viaxe que «percorrerán da man ata o mellor destino posible, o País das Apertas». Trátase dun espectáculo para toda a familia na última xornada do Culturgal, que se desenvolverá do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura.
10 anos de PuntoGal
Por outra banda, e de cara a esta edición, PuntoGal confirmou a su presenza nesta cita celebrando o seu décimo aniversario con música —as actuacións de Caamaño&Ameixeiras e da banda Pava—, actividades para os máis pequenos, unha batalla de debuxantes e unha xornada profesional sobre os contidos en galego. «Este ano celebramos os dez anos de vida do dominio .gal, un dominio de primeiro nivel que lle dá visibilidade no ciberespazo a Galicia, á súa lingua e á súa cultura. Pero non só visibilidade. Como encargada da xestión deste dominio, PuntoGal está tamén fondamente comprometida co desenvolvemento das TIC, co fomento da nosa cultura e coa normalización da nosa lingua», destacou, sinalou o presidente de PuntoGal, Manuel González, na presentación do Culturgal.
«Non tivemos dúbida ningunha en decidir que Culturgal tiña que ocupar un posto de especial relevo na celebración do noso décimo aniversario, xa que Culturgal é o lugar de encontro da cultura galega, un espazo plural, aberto e participativo, características que están tamén no ADN de PuntoGal», engadiu ao respecto.