Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Miguel de Lira, actor: «A base da Brilat dálle bastante credibilidade á serie 'Punto Nemo'»

PONTEVEDRA

Esteban de la Iglesia

O intérprete estreará o venres a nova produción de Prime Video, plataforma na que tamén se lle pode ver en «Su majestad»

23 mar 2025 . Actualizado a las 11:22 h.

Cando apenas restan uns días para que Amazon Prime Video estree Punto Nemo, a serie rodada en boa parte na batería da Brilat de Pontevedra en San Vicente do Grove, Miguel de Lira (A Coruña, 1964) recoñece que é a primeira vez que se ve nunha produción destas características, aínda que «xa me vin nalgunhas surrealistas e de todo tipo. Esta empeza sendo unha serie de ciencia, que ata ten unha lóxica próxima a outros relatos de ficción, pero nun momento vira en ciencia-ficción. E ata aquí podo ler. Efectivamente, nunca me viran nunha destas».

—E que valoración fai desta experiencia?

—É unha serie colectiva. O reparto da serie, maiormente, somos a tripulación dun barco oceanográfico. En todas as series hai traballo colectivo, de equipo, pero neste caso máis. Estamos moi presentes en case que todos os planos e en moitas secuencias. Facemos un traballo que ten que ver, tamén, coa psicoloxía do grupo. O meu personaxe ten un rol importante, ás veces de mediador, case que de terapeuta, case que de amigo... Ten unha importancia amainando os temporais emocionais da tripulación, tamén, ás veces. E logo están as circunstancias físicas da serie. Ter que rodar nun barco moitas das secuencias. Creo que ese lado máis de tripulación, máis colectivo, é o que me produzo máis satisfacción desta experiencia. Sería o que máis resaltase con respecto a outras rodaxes.

—Creo que foi a primeira vez que se puido rodar nunha base como a batería da Brilat?

—É unha base real na que aínda fan manobras de vez en cando. Esa base dálle bastante credibilidade á serie Punto Nemo. É unha moi boa localización con respecto ao guión da serie, sobre todo na segunda parte, na de ciencia-ficción porque Punto Nemo tamén ten que ver con bases militares. Non quero adiantar moito do que é e do que non é, pero o feito de que teñamos unha base dispoñible, unha batería, que creo que é máis correcto permitiu que moita da rodaxe se fixera aí. A verdade é que foi unha localización moi adecuada para esta serie.

Esteban de la Iglesia

—E ao marxe desta serie, que outros proxectos ten encamiñados?

—Aínda fai menos dun mes que se estreou a serie Su Majestad, na que fago dun xuíz do Tribunal Supremo e está en cartel en Amazon Prime Video, a mesma onde se vai estrear Punto Nemo o día 28 de marzo para todo o mundo e hai unha preestrea o 26 en Madrid á que estou intentando asistir. Estamos tamén na preprodución da segunda temporada de Clanes, que é unha serie para Netflix, que foi un pelotazo de audiencia a nivel mundial. Vaise facer a segunda temporada e estamos xa preparando tamén este desembarco que se vai facer de maio a agosto. Tamén rematei de facer unha película coa mesma produtora que fai Punto Nemo, que se chama Me has robado el corazón. Acabamos de rodar aínda fai pouco en terras de Verín e Laza. Estivemos rodando por Galicia. Isto é o que teño máis próximo a nivel de audiovisual.

—E fora do audiovisual?

—Estamos traballando con Chévere, co meu grupo de teatro, nun espectáculo novo para principios do ano que ven a partir dun cadro de Castelao, que é A derradeira lección do mestre.