O mundo está cheo de xente que vai e vén. Uns que pasarán e outros que ficarán. E en medio de todo ese barullo sobreviven os solitarios. Os que ninguén chorará. Por iso a vida non é máis que un xogo que ninguén che di como xogar. Ou incluso se nese xogo hai regras ou non. Cada un seguirá o seu camiño e nese mesmo camiño todos estamos de paso. E se tes sorte incluso é posible que atopes a alguén a quen te atreverás a chamar amor. Aínda que despois teñas que aprender a dicir tamén adeus. E así sobreviven. Sobrevivimos. Todas e todos. Entre un si pero non. Entre certezas e incertezas. Que feren e deixan cicatrices difíciles de disimular. Por moito que procuremos refuxios nos que protexernos cando nos sintamos devorados. Porque a necesidade é sempre a de sobrevivir. Aínda que ninguén nos chore. E aínda que nunca ninguén saiba de nós nin das razóns que nos empurran a amar e a sentirnos amados.
Manuel Iglesias Nanín. 54 anos. O Carballiño.