A asociación Obradoiro da Historia distribuirá dous mil trípticos O tamén xornalista foi capelán do antigo cárcere de Santiago e sacerdote en Jaca no ano 1912
05 jul 2003 . Actualizado a las 07:00 h.A Asociación Cultural Obradoiro da Historia publicará en agosto un tríptico sobre o cura e xornalista ordense Vicente Carnota Pérez. En total serán dous mil exemplares os que se distribúan polo municipio, coa fin de coñecer mellor a un personaxe senlleiro da historia local deste municipio. Carnota Pérez (1855-1920) foi asiduo colaborador de La Voz de Galicia. A través dos seus artigos neste xornal tratou diversos temas políticos e sociais que preocupaban na época. Carnota descubriu a súa vocación relixiosa a unha idade considerable. En 1912 foi ordenado sacerdote en Jaca. Nesta localidade aragonesa exerceu como profesor no seminario durante un tempo. Posteriormente, de regreso en Galicia, foi capelán do antigo cárcere compostelán. Libro de relatos A figura de Vicente Carnota quedou inmortalizada nun céntrico parque de Ordes por medio dun busto obra de Asorey. Curiosamente, o afamado escultor galego ten moi poucos bustos de bronce e este é un dos exemplos. En 1925, data da inauguración do monumento desprazouse ata a localidade ordense boa parte da intelectualidade galega do momento. Entre outros persoeiros, estiveron presentes o pintor Camilo Díaz Valiño e o xornalista Roberto Blanco Torres. Con este estudio sobre a figura de Carnota, o Obradoiro da História segue no seu traballo na recuperación de personaxes que deixaron pegada no municipio. Anteriormente outras figuras locais teñen sido obxecto de estudio como foron os casos de Alfonso Senra, Nicolás del Río, García Gerpe ou o soldado Lois. Para as próximas semanas agárdase que esta asociación cultural de Ordes publique un libro de relatos do historiador Manolo Pazos. A obra que leva por título Despois da Guerra está ambientada na comarca ordense e describe por medio de relatos históricos breves, baseados en feitos reais, as consecuencias inmediatas da posguerra.