O CCG escolle Melide como faladoiro da cultura medieval

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

SANTIAGO

Cruceiro of Melide, the oldest crucifix in Galicia.
Cruceiro of Melide, the oldest crucifix in Galicia. SANDRA ALONSO

20 nov 2022 . Actualizado a las 19:16 h.

A conmemoración do 4 de decembro chegou para quedarse en Melide. Foi hai dous anos, nesa precisa data, cando a vila, a proposta do seu museo, celebrou o 500 aniversario da asemblea de nobres e prelados que, en 1520, se reuniu nela para trasladarlle ao rei Carlos I unha serie de demandas decisivas para o entón Reino de Galicia. Logo do, ano pasado, terse recollido ese acontecemento histórico no libro «A unha voz na metade do reino. Cincocentos anos da Xunta de Melide», nace para reivindicar a efeméride un ciclo de charlas co que «buscamos promover un encontro para falar da cultura medieval galega», indica Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG)

Entidade editora, xunto co Parlamento de Galicia, da citada publicación, que é unha obra colectiva de historiadores e investigadores, a institución organiza desta volta esa serie de xornadas divulgativas que se estreará cos cruceiros galegos de estilo gótico como eixe temático. «Comezamos este ano cunha actividade sobre os cruceiros medievais para chamar atención, primeiro sobre o de Melide, pero tamén sobre os dezaoito cruceiros góticos que están documentados», sinala Álvarez, quen avanza, ao fío, que «para iso, nesta xornada, que se celebrará o día 30, convidamos a participar aos alcaldes dos quince concellos galegos que contan cun cruceiro desta época e tamén xuntamos investigadores para afondar na produción científica arredor desta materia».

Así, Melide está chamado a ser, o último día deste mes, lugar de encontro dos rexedores, amén do propio do concello, de Teo, Neda, Fisterra, Vimianzo, Noia, Ferrol, Aranga, Santiago, A Coruña, Mañón, Mondoñedo, Pontevedra, Baiona e Ourense. Na que será a primeira edición do ciclo «A unha voz na metade do reino» tomarán a palabra para afondar no coñecemento dos cruceiros góticos catro estudosos do patrimonio etnográfico galego: Fernando Arribas, presidente da Asociación de Amigos dos Cruceiros de Galicia; Clodio González, investigador e autor dunha obra do Consello da Cultura Galega sobre os cruceiros galegos; o historiador vimiancés Xosé María Lema; e Xurxo Broz, arqueólogo e colaborador do Museo Terra de Melide.

Dende a galería comarcal, á que dende a institución que preside Rosario Álvarez lle recoñecen a iniciativa de darlle continuidade á conmemoración anual da Asemblea de Melide, subliñan e agradecen a sensibilidade e implicación do Consello da Cultura Galega, que «sitúa á vila no circuíto cultural que organiza e xestiona en Galicia», afirma Xurxo Broz. O arqueólogo, que falará nas xornadas do cruceiro melidense, defende a potencialidade histórica e patrimonial de Melide como motor dun ciclo de charlas «que poderá abarcar calquera temática da Idade Media porque Melide foi unha vila importante nese momento», explica.