Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

José Manuel González, do barrio de Galeras: «Queremos un centro de día no barrio para a xente de aquí e de Santiago»

Margarita Mosteiro Miguel
Marga mosteiro SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

XOAN A. SOLER

«Xunto a Casa das Máquinas é un lugar perfecto», propón o dirixente veciñal

23 mar 2025 . Actualizado a las 19:56 h.

Os veciños de Galeras constituíron unha plataforma cando no ano 2014 intentouse dar un «mordisco» ao parque do barrio para modificar os accesos ao aparcamento subterráneo. Aquela unión tivo os seus froitos, e dende entón, a plataforma ven capitaneando as reivindicacións dos veciños. No ano 2017, a plataforma rexistrouse como asociación, pero os seus membros decidiron manter o nome de Plataforma de Galeras para facer honra á unión veciñal. Dende os seus orixes, no 2014, José Manuel González ocupa o posto de presidente, aínda que recoñece que «non é unha asociación presidencialista. Hai unha directiva de seis que están no día a día, e outros moitos que colaboran».

—Cal é o asunto que máis preocupa agora aos veciños de Galeras?

—É un tema que preocupa a Galeras, pero que tamén é unha carencia de Santiago. Levamos moitos anos pedindo un centro de día para os maiores. Perdeuse unha boa oportunidade no hospital vello. Pensamos que, aínda facendo unha residencia de estudantes, había espazo para un centro de día. É unha instalación moi necesaria en Galeras, porque hai unha poboación maior que veu nos anos 70 e agora ten outras necesidades. O centro non sería solo para nós, tamén para a xente máis próxima do casco histórico. É a nosa loita de agora.

—Perdeuse a opción do hospital, pero seguro que xa teñen pensada outro espazo.

—Xunto a Casa das Máquinas está o edificio que foi o economato de Fenosa. Leva moitos anos pechado, e temos entendido que é do Concello. É un lugar perfecto para ser o centro de día. O primeiro centro para maiores municipal.

—A Casa das Máquinas é o exemplo de que o que se propoñen os veciños de Galeras chega a bo porto?

—Foron oito anos de espera, pero finalmente a Casa das Máquinas está aquí. Aínda falta que se dote de mobles.

—E de actividades.

—En setembro temos previsto por en marcha propostas. Esperamos que sexan do interese dos veciños. Sen eles non é posible facer cousas. Pero os maiores necesitan o seu espazo propio. As súas actividades non son como as da poboación en xeral. Eles estarían moi ben no edificio do economato.

—Un dos temas que se escoita nas conversas dos cafés son os roubos en locais. Hai sensación de inseguridade?

—Preocupa moito, pero somos conscientes de que é algo puntual. É unha persoa coñecida, sempre a mesma, e cun problema de drogodependencia. É unha persoa enferma. A mellor maneira de resolver esta situación, a parte do control policial, é dende a unidade municipal de drogodepencia, que funcionou moi ben durante moitos anos, e agora ten falta de persoal. Está no limbo. Entendemos que debería funcionar, porque é moi importante e necesaria. O tema dos roubos é un asunto que preocupa moito a xente. Estivo un tempo na cárcere e todos tranquilos, pero a solución é tratalo.

—Aínda que a asociación quería un centro de día, cre que a nova residencia de estudantes favorecerá o tecido comercial e de hostalaría?

—Sen dubida. O comercio tivo un tempo dourado co hospital e logo houbo tempos complicados.

—Pero resistiu.

—A xente que leva os negocios nesta zona son moi válidos, e non esquezamos que Galeras é o peche do periférico. É unha zona de paso. Se queres ir ao centro pasas por aquí, e se queres saír cada Vista Alegre o Vite, tamén. Coa residencia universitaria haberá un cambio na vida do barrio, porque virán moitos rapaces. En Galeras hai un número alto de xente maior, e cos edificios novos dos solar do hospital veu xente máis moza. Os estudantes tamén mudarán a poboación. Aínda así, o noso tema de loita non o esquezo.

—O centro de día!

—Efectivamente. O teño todo o tempo na cabeza, porque é necesario. A nosa xente maior ten que ter un sitio para estar, para quedar cos amigos, charlar dos seus temas e facer actividades. Sería un luxo moi merecido.

«No Pombal preocúpame a velocidade, non van a 30»

Ao presidente da asociación Plataforma de Galeras gustaríalle que os novos residentes tiveran «conciencia de barrio. Non somos Conxo o Pontepedriña, pero os de Galeras tamén temos a sensación de pertenza a noso barrio. Aos veciños quero invitalos a que participen na actividade Tapa para Isaac, que será a principios de abril. Os locais crean unha tapa na súa homenaxe. E estaría ben para facer barrio, saír a tomar algo e facelo para recordar a Isaac Díaz Pardo». Cando se pregunta polos límites de Galeras, José Manuel González considera que «pode non ser tan claro, pero todo o próximo a Galeras. Rúas como O Pombal, Calzada do Carme, Hortas e Entrerríos. Aínda que tamén hai outras asociacións, e todos traballamos para todos».

—Nuns días abre o Pombal, que lle parece o resultado?

—Era unha obra moi necesaria. A accesibilidade era terrible. As pedras eran un perigo. En cadeira de rodas non era posible ir. Hai detalles que teñen que corrixir, e supoño que o farán como o paso de peóns, que hai que rebaixar. Preocúpame a velocidade.

—A 30 como en toda a cidade?

—Moitos van a máis por Galeras, e tamén no Pombal.

—Cal é a solución?

—Elevar os pasos para que os condutores teñan que reducir a marcha. Non chapas, porque afrouxan e fan ruído. A xente se non ten barreiras para ir a modo, irá a 70 ou 80. É mellor tomar medidas antes.

—Cáles son as seguintes rúas que terían que arranxarse?

—As Hortas, que está terrible. Faltan pedras, está afundida. Non é accesible, necesita unha reparación. Carretas fíxose ben, de pedra, pola Oficina de Peregrinos, pero As Hortas é un desastre. Outra na que teñen que investir é na Calzada do Carme, que está moi deteriorada. Tamén gustaríame destacar a necesidade de maior esforzo na limpeza.

—Galeras non está mal?

—Todo é mellorable. Hai días nos que os contedores subterráneos deixan moito que desexar. E, no Cruceiro do Galo, fai moita falta que vaian limpar, e cortar as pólas que invaden a beirarrúa.