Melide vive a festa máis doce de Galicia

Natalia Rodríguez Noguerol
natalia noguerol MELIDE / LA VOZ

MELIDE

Melindres, ricos e amendoados, os doces típicos de Melide, elabóranse artesanalmente
Melindres, ricos e amendoados, os doces típicos de Melide, elabóranse artesanalmente PACO RODRÍGUEZ

A cita de exaltación de melindres, ricos e amendoados alcanza esta fin de semana a súa trixésimo segunda edición tendo consolidado Melide como a capital galega da repostaría artesanal

11 may 2024 . Actualizado a las 21:03 h.

Marcial Mouzo volverá a Melide para enxalzar os «encantos», como el di, de melindres, ricos e amendoados. Fíxoo por vez primeira en 1993, cando pregoou a entón terceira edición da Festa do Melindre. Á voz inconfundible das madrugadas da radio pública autonómica volvéuselle encomendar o pregón da cita de exaltación da repostaría artesanal da comarca melidá. Tres décadas despois, a festa —que, como manda a tradición, segue a celebrarse a segunda fin de semana de maio— mantén a súa esencia na mostra sectorial cos reposteiros artesanais de melindres, ricos e amendoados, que viron, co paso dos anos, medrar a produción e o mercado dos tres doces ancestrais.

Nese crecemento xogou un papel decisivo a cita de exaltación gastronómica, que axudou na promoción do produto, consolidando Melide como a capital galega da repostaría artesanal. É algo que recoñecen os propios doceiros, que ven na Festa do Melindre «unha valla publicitaria enorme», di Alberto Rodríguez, presidente de Melide Terra Doce, a asociación local do sector. «Milleiros de persoas saben que un dos sitios aos que hai que ir o segundo domingo de maio é a Melide», mantén Rodríguez, testemuña dende Pastelería Estilo de como a cita de exaltación gastronómica contribuíu a «alongar a venda dun produto que estaba vinculado aos días de festa».

Román Varela honra a tradición na Pastelería Trisquel
Román Varela honra a tradición na Pastelería Trisquel PACO RODRÍGUEZ

Todo o oficio en Melide coincide en que melindres, ricos e amendoados se despachan de xaneiro a decembro. A súa cita de exaltación «dálle visibilidade ao produto e reforza o sentimento de tradición», mantén, dende Pastelería Trisquel, Román Varela, quen considera que a Festa do Melindre, declarada de Interese Turístico de Galicia, cumpre trinta e dúas edicións «consolidada, e nun nivel moi bo dende hai uns oito anos». Estilo e Trisquel repetirán na mostra de repostaría, na que tamén se volverá despachar o produto que elaboran nas casas Tahona, Tarrío e Toques. O cociñeiro que desta volta amosará nun obradoiro a versatilidade dos doces locais é Gorka Rodríguez, bisneto de pulpeira e panadeira de Melide. A música será cousa da cantautora arzuá MJ Pérez.

Mónica Tarrío e Nieves Vázquez, de Panadería Tarrío
Mónica Tarrío e Nieves Vázquez, de Panadería Tarrío PACO RODRÍGUEZ

Elas e eles custodian o nobre oficio de amasar unha tradición secular

Estilo, Tahona, Tarrío, Toques e Trisquel son as casas dos melindres, ricos e amendoados nunha vila, terra de panadeiros, que ten documentados dezaseis fornos dende o século XVI

De pais a fillos. De sogras a noras. De mulleres a homes. De veciñas a veciños. Duns a outros. Da devoción pola tradición. Foi así como se transmitiu, e chegou ata hoxe, en Melide a sabedoría no facer dos doces seculares dunha vila, terra de panadeiros, na que, dende o século XVII, están documentados dezaseis fornos nos que, ademais de cocerse o pan, se facían melindres, ricos e amendoados. Como ouro en pano conservan as receitas e con mimo de avoa coidan un artesanal proceso de elaboración as reposteiras e os reposteiros que fan os tres produtos nos que esta vila medieval, cruce de camiños xacobeos, ten unha das súas sinais de identidade.

Patricia e Alberto Sánchez son a terceira xeración da Panadería Tahona
Patricia e Alberto Sánchez son a terceira xeración da Panadería Tahona PACO RODRÍGUEZ
 

Da vertixe que orixina esa condición nace, á súa vez, o xuízo co que os artesáns desenvolven o seu traballo. «É unha responsabilidade enorme recoller un saber facer ancestral que estivo conservado dunha maneira case involuntaria porque era a maneira de traballar», mantén Alberto Rodríguez, que lle tomou o relevo ao seu pai, Suso, no temón de Pastelería Estilo. Tamén o fixeron na Tahona Patricia e Alberto Sánchez, que representan a terceira xeración desta familia de panadeiros e reposteiros de Melide. É ela quen se encarga de elaborar melindres, ricos e amendoados, logo de aprender o oficio da man dunha boa mestra, a da súa sogra, Maruja Varela, tal e como lembra con orgullo Patricia, a quen enche de «felicidade» darlle continuidade e poñer en valor a tradición familiar. Román Varela, que desenvolve o oficio na Pastelería Trisquel, recorre a unha emotiva comparación para explicar o significado de contribuír a preservar un vello oficio co que, di, «honramos aos mestres que o mantiveron dende tempos pasados, e tamén a terra onde mantemos a tradición». É como facer, explica, «que un pai se sinta vivo a través dos seus fillos».

César Sánchez ten relevo garantido na Panadería e Pastelería Toques no seu fillo Ignacio
César Sánchez ten relevo garantido na Panadería e Pastelería Toques no seu fillo Ignacio PACO RODRÍGUEZ

A memoria dunha reposteira —a de Julia Aguiar, en concreto— rescata Mónica Tarrío para lembrar que foi ela quen a ensinou a facer os melindres que hoxe despachan na panadería familiar. Leva por nome o apelido paterno desta outra reposteira que tamén ten palabras de recordo para outra mestra do oficio: Maruja de Sierra, de quen aprendeu a facer os ricos e os amendoados. En Mónica teñen José Luis e Nieves Vázquez o doce relevo garantido, como tamén o ten no seu fillo Ignacio o xerente da Panadería e Pastelería Toques, César Sánchez. Dende o seu obradoiro no concello co que bautizou o negocio tamén se fan os doces artesanais de Melide, que empezou a elaborar «porque a xente reclamaba o produto», conta. Poñerao á venda na festa de exaltación que sempre se celebra a segunda fin de semana de maio. Tamén os seus compañeiros de oficio das casas Estilo, Tahona, Trisquel e Tarrío participarán na mostra sectorial da Festa do Melindre, que chega á súa trixésimo segunda edición como unha cita consolidada no calendario gastronómico. A voz das reposteiras e dos reposteiros melidenses é unánime cando falan da repercusión económica dunha cita que ten na «excelencia» dos produtos que enxalza o seu principal valor. «É unha moi boa festa», conta Patricia Sánchez. Ningún dos seus compañeiros lle quita a razón, con sustento no aprecio da calidade que se impón na elección da materia prima, do artesanal proceso de elaboración, e da frescura de tres doces naturais que non teñen trampa nin cartón.

Alberto Rodríguez tomou o relevo do seu pai en Estilo
Alberto Rodríguez tomou o relevo do seu pai en Estilo PACO RODRÍGUEZ

O duro bocado de patente local

O «rico» é un doce de elaboración única e exclusiva na localidade melidense

«Dos tres doces que avalan a tradición reposteira de Melide, o rico é o máis representativo, por ser a súa elaboración exclusiva desta localidade. A receita que custodian os reposteiros locais sinala como ingredientes desta singular galleta a fariña de trigo, o anís, o azucre, os ovos, e a manteiga de vaca, materia prima que define o sabor desta autóctona pasta melidense que ten un longo período de conservación, sen perder aroma, nin o seu doce sabor». O substantivo ten en Melide máis significado có adxectivo cando se fala de «rico». Dos tres doces da selecta repostaría local é o máis xenuíno, porque unicamente nos fornos da vila —e, en moitos fogares, tamén— saben do seu facer. A presentación do produto coa que arranca esta información é de Casa Melchora, onde Rubén Rodríguez ten representado a sexta xeración ao fronte do negocio familiar. Quen foron os seus compañeiros de oficio conservan cadansúa propia receita; todas elas, coas súas variantes, manteñen a esencia dun doce duro ao padal que está deixando de ser o gran descoñecido que durante un tempo foi da repostería artesanal de Melide. «O rico» ten cada vez máis venda nas casas locais de repostaría, onde tampouco hai queixa da saída que teñen durante todo o ano melindres e amendoados.

«Dun ano e pico a esta parte, o rico despáchase moito máis con diferenza», conta Román Varela, de Pastelería Trisquel. Na Tahona, «véndese incluso tanto como o melindre», comenta Patricia Sánchez, que comercializa o seu produto, ademais de no despacho da panadería, en supermercados, e a través de Galicia Calidade, o selo que llo certifica. Igual crecemento perciben na demanda do doce máis autóctono de Melide no Estilo, onde o reposteiro Alberto Rodríguez conta que «é o que máis sube en vendas, aínda sen ser o que máis se vende». Rodríguez, tamén presidente de Melide Terra Doce —a asociación local de repostaría— está convencido de que a Festa do Melindre «puxo o rico no mapa».

Na cita de exaltación da repostaría da Terra de Melide, que se celebra o segundo fin de semana de maio, haberá «ricos» de Trisquel, Tahona e Estilo para mercar. Tamén das panaderías e pastelerías Toques e Tarrío. Dende esta última casa de repostaría, localizada a dous pasos do albergue público—no casco vello de Melide—, Mónica Tarrío dá conta da maior venda que hai dos doces artesanais entre os peregrinos, «sobre todo de melindres, aínda que, ao preguntar polos produtos típicos, tamén levan ricos». De feito, «clientes de ricos, temos peregrinos que repiten. Veñen comprar —conta— ‘‘piedras‘‘, como eles din pola súa dureza».

Dos tres produtos característicos da repostaría tradicional de Melide, o «rico» é o que máis e mellor se conserva no tempo, o que lle permite aos artesáns, como Mónica Tarrío e Nieves Vázquez, de Panadería Tarrío, traballar con maior antelación