Melide consolida na véspera de Todos os Santos a recreación veciñal da Santa Compaña

La Voz MELIDE

MELIDE

A procesión de ánimas levantouse da rúa San Pedro, onde antigamente estaba o cemiterio municipal

31 oct 2024 . Actualizado a las 22:44 h.

A Santa Compaña volveu saír de rolda polas rúas de Melide. Este xoves, coa chegada da noite, na véspera do día de Todos os Santos, a procesión de ánimas noutro tempo tan presente no imaxinario popular galego levantouse da rúa San Pedro, onde antigamente estaba o cemiterio municipal, nunha representación impulsada hai seis anos polo museo etnográfico da comarca no seu labor de reivindicar e divulgar a tradición oral propia fronte a manifestacións culturais alleas que se impoñen nestas datas.

Máis de setenta veciños participaron na recreación, cun elenco de mortos movidos polo personaxe da estadea, e outro de vivos que contextualizaron a representación con papeis destacados como o alcalde, o alguacil, o cura, a menciñeira ou as beatas. Numeroso público presenciou o percorrido da Santa Compaña por Melide, con, ademais, diferentes escenas como a interpretación do «Romance da lavandeira», que precedeu ao levantamento das ánimas, ou a representación da «Lenda do pantasma da casa de Atá», en recordo de Tere Louzao e Emilio Ares, incondicionais, no seu día, da recreación.