Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Dez anos de investigación e máis de mil gravacións sobre sons e danzas tradicionais atopan o seu lugar en Instagram: «É como coller unha máquina do tempo»

CARMEN NOVO REDACCIÓN / LA VOZ

VIVIR SANTIAGO

Miguel, Alejandro e Leticia nunha das súas excursións polas aldeas de Galicia. Coa cámara gravando, atenden ás peculiaridades do grupo de pandereteiras á hora de tocar.
Miguel, Alejandro e Leticia nunha das súas excursións polas aldeas de Galicia. Coa cámara gravando, atenden ás peculiaridades do grupo de pandereteiras á hora de tocar. CEDIDA

O que empezou como vía para descubrir novas técnicas e movementos que ensinar aos seus alumnos de pandeireta rematou por converterse nunha aficións que asombra nas redes

10 feb 2025 . Actualizado a las 19:39 h.

Miguel Lesta, Alejandro Martínez e Leticia López levan dez anos investigando sobre as particularidades e variantes da danza e da música tradicional en Galicia. O que empezou como vía para descubrir novas técnicas e movementos que ensinar aos seus alumnos de pandeireta na agrupación folclórica Cantigas e Agarimos, en Santiago, terminou por converterse, en palabras do primeiro, «nun vicio». «Nos meses de verán, se podemos, imos todos os días por aí. Poñémonos diante do mapa e escollemos calquera zona que nos interese. Quedamos a unha hora, collemos o coche e arrincamos. Cando chegamos, empezamos a preguntarlle á xente que nos atopamos polo camiño se quedan persoas que se acorden das cousas que se facían antes. Como entre aldeas coñécense, xa nos din: “Pois mira, aquí non, pero na parroquia da beira hai un grupo de mulleres de oitenta anos que, se lles dis, cántanche toda a tarde”. Chámanse as unhas ás outras e xúntanse. Ás veces, temos a toda a parroquia. Outras, a dous ou a tres persoas», explica Miguel.

Eles, que nas súas excursións percorren as aldeas coma se fosen «unha folla en branco» para chegar ás curiosidades máis remotas que esconde o folclore propio de cada zona, son unha enciclopedia de xestos, movementos e deixes que, agora, comparten nas redes sociais. «Dábanos moita pena que todo iso que aprendemos, o que nos ensinaron as persoas maiores, quedase nas memorias dos nosos ordenadores e nas clases dun grupo folclórico. Dixemos: “Veña, por que non subimos un vídeo explicando o que facemos e contando algunha das curiosidades coas que nos atopamos?”», continúa Miguel. Ao colgalo, déronse conta de que moitas das persoas que chegaban a velo descoñecían os aspectos que eles comentaban. «Aí dixemos: “Veña, pois seguimos facendo isto”. Hai unha crenza moi estendida de que xa non queda nada por aprender en Galicia. Con estes vídeos, o que queremos dar a ver é que aínda queda moito por contar. Cada persoa maior é un pozo sen fondo de sabedoría», continúa o brionés.

Nas súas publicacións contan, por exemplo, que a diferenza doutras zonas, no contorno de Brión todos os puntos de muiñeira empezan igual, cun corte arriba. Mesmo, ás veces, con tres. Explican tamén que, aínda que a pandeireta en Galicia se toca coa man hábil, en Brión e en concellos como o de Santiago de Compostela hai unha pequena variación. Para tocar o pateado agarran a pandeireta cunha man, pero para tocar a muiñeira cambian para a outra. Iso si, agarren coa dereita ou coa esquerda, a que queda libre sempre está en movemento. A muiñeira clasifícana ao redor de sete variantes que atoparon por mor de investigar as diferentes áreas da xeografía galega. En Ordes, por exemplo, predomina unha de corte clásico, sen adornos, pero en Santiago, sen ir máis lonxe, é riscada, alternando no acento os sons do tatara e do trrrr. Nunha visita ao concello de Santa Comba descobren as regueifas, un ritual que se celebraba nas vodas cun cesto e un bolo de pan.

Os tres levan dez anos recorrendo as diferentes zona de Galicia en busca de peculiaridades. Nesta foto, tomada cuando aínda era obligatorio o uso de mascarilla, un grupo de mulleres os atenden xunto ás súas pandeiretas.
Os tres levan dez anos recorrendo as diferentes zona de Galicia en busca de peculiaridades. Nesta foto, tomada cuando aínda era obligatorio o uso de mascarilla, un grupo de mulleres os atenden xunto ás súas pandeiretas.

Nos vídeos mesturan, cunha linguaxe actual, planos explicando os conceptos coas imaxes que levan almacenando durante unha década. «Sen dúbida, durante este tempo estivemos con máis de mil persoas. Dez anos dan para bastante», lembra Miguel, que agradece a todas e a cada unha delas por regalarlles desa forma o seu tempo e os seus coñecementos sen pedirlles nunca nada a cambio. Nas súas excursións sempre levaban a cámara, que lles brinda un arquivo enciclopédico de imaxes e de vídeos. Neles, os maiores cantan, tocan e bailan sen prexuízos. «Ao principio, eles estráñanse. Non saben moi ben ao que vimos. Cando entenden o que queremos, que é que nos conten sobre a música, xa se abren con todo o que saben. Como nos ven cunha cámara, hai veces que se pensan que é para a televisión. Dinnos: “E isto cando vai saír?”», lembra con graza Miguel.

«O comentario máis estendido, sexan de onde sexan, é o de dicir: “Pero isto non vale para nada, que son cousas de vellos”. Facíano cando eran nenas e, agora, danlle pouca importancia. Non lle dan o valor que nós lle vemos. É coma se a nós nos preguntasen nun futuro que faciamos polas tardes», reflexiona o mozo. Para a súa xeración, a forma que elas teñen de tocar, de bailar e de cantar é un descubrimento. «Houbo un cambio brutal en pouco tempo. Pasamos dos núcleos de aldeas nos que a xente se xuntaba para facer as cousas a ir cada un polo seu lado. Nós pillamos ese momento e isto é como coller unha máquina do tempo. O que para eles é normal, para nós é fascinante», explica. Conta que, cando os ven, alégranse de que haxa xente nova interesada na historia e na tradición: «Algúns din que as súas netas non queren saber nada disto, que non lles interesa. Dálles pena que as cousas morran con elas e, por iso, cóntano de tan boa gana. Que unha pequena parte do que elas saben, sen estudos, vaia para Santiago de Compostela, é un orgullo enorme», conclúe Miguel.

Un grupo de mulleres bailan e tocan mentres que eles toman fotos.
Un grupo de mulleres bailan e tocan mentres que eles toman fotos.

Pensa que todo o que se enmarca dentro da tradición vive un rexurdir na actualidade. En parte, grazas a agrupacións musicais como Tanxugueiras ou Mondra, que utilizan o marco do tradi para facer música cercana á xuventude: «Abriulle a moita xente á mente para dicir: "Vale, isto non é unha cousa de vellos, é unha cousa flipante que nos pode interesar a todos"», reflexiona Miguel, que ve diariamente na escola o incremento de interese nestes aspectos. Eles, desde a súa canle de Instagram, tamén o ven. Os seis vídeos explicando as diferentes curiosidades que atoparon durante estes dez anos de investigación suman miles de visualizacións e de reaccións.Polo de pronto, teñen en mente continuar facéndoo: «É un hobbie. Como que vai a patinaxe, eu vou a aprender polas aldeas».