
Un xornal da competencia publicaba hai uns días que a profesión de mariñeiro está quedando sen relevo xeracional algún. Seica as novas xeracións somos de cristal e o traballo duro e sacrificado fáísenos moito. Minto, en realidade, o artigo non estaba dirixido ás novas xeracións de cristal, referíase aos mozos exclusivamente, en masculino plural. Quizais, se abrísemos o abano das profesións tradicionalmente masculinas ás mulleres, teríamos o dobre de posibilidades de loitar contra a despoboación e a falta de man de obra no sector primario.
Coido que os mozos e mozas senten curiosidade polos oficios de sempre. Paréceme inverosímil que un rapaz que é quizais a cuarta ou quinta xeración de mariñeiros non sinta a máis mínima inquietude polo mar. O problema cos mariñeiros, os gandeiros ou os agricultores é que se consideran traballos de segunda, que non requiren formación técnica. Para a inmensa parte da poboación, son a última opción en caso de que non queiras estudar. Son traballos asociados a unha moi baixa calidade de vida, economicamente falando. Esta consideración vense producindo dende sempre pero acentúase máis incluso a partires de mediados do século XX, cando empeza o verdadeiro auxe da tercialización e do éxodo cara ás cidades.
Como non cambiemos a nosa percepción das profesións teremos no futuro graves problemas. O sector servizos non abastece os lineais dos supermercados. Por conseguinte, centrándonos no oficio de mariñeiro, estamos a falar dun traballo que mantén case a condición de gremio, transmitindo o coñecemento de pais a fillos.
O oficio de mariñeiro é máis que unha profesión, é case que un anaco do noso patrimonio intanxible.
Oxalá nunca se deprecie.