O instituto Francisco Aguiar acolle unha exposición que reivindica, mediante a tecnoloxía, o patrimonio das embarcacións tradicionais de Galicia
21 oct 2022 . Actualizado a las 16:10 h.Betanzos conserva nos seus ríos un gran número de embarcacións de madeira. Un patrimonio fluvial que debe perdurar malia que nos últimos tempos a carpintería de ribeira que permitiu construílas estea en retroceso e falte relevo xeracional para dirixir os barcos a bo porto.
No instituto Francisco Aguiar, da man da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) e co apoio da Consellería do Mar, exponse estes días Fasquía 3D, unha mostra na que colaborou o propio centro xunto co ciclo de mantemento de embarcacións de recreo do CIFP Ferrolterra. Fasquía 3D, que naceu coma un proxecto de innovación educativa, propón achegar a tecnoloxía á tradición.
O profesor Miguel Martínez, impulsor do proxecto e membro da Asociación Cultural Mariñeira Os Patexeiros, recoñece que a proposta é que a impresión 3D e o mundo das novas tecnoloxías serva como catalizador para que os máis novos se interesen por coñecer as distintas tipoloxías de barcos que navegaban polas nosas rías. Que a maqueta a escala sexa só un primeiro achegamento a un tipo de patrimonio que aínda non está suficientemente apoiado e que corre risco de desaparecer.
Impresión
O feito de poder ver como se fan as propias pezas que conformarán a propia exposición estima que servirá de acicate para ampliar a cultura sobre as gamelas, os botes polbeiros, os galeóns, as dornas e incluso as chalanas, as embarcacións que ata o momento teñen escaneadas no proxecto.
Fasquía 3D subiu a rede modelos en 3D de embarcacións galegas, os resultados dos escaneos láser 3D e modelos 3D en STL que permiten imprimir en impresoras 3D, e tamén varios conxuntos de planos de formas, tanto en 2D coma en pezas. Tamén amosa o Edrawings, un visor gratuíto para arquivos 3D empregado para poder visualizar dende distintos ángulos os arquivos EASM que están nalgúns dos modelos presentados.
Xogos
A proposta vai máis alá do apartado en 3D. Tamén se abordou a creación de marcapáxinas coas distintas tipoloxías de barcos e xogos educativos, por parte da profesora Carmen Núñez. Así, confeccionouse un quebracabezas e un xogo de barcos. Aquí os afundimentos son de embarcacións tradicionais o que permite ao xogador familiarizarse cos distintos tipos. «Un bo xeito de dar a coñecer esta cultura é metela no sistema educativo, non só para que se coñezan as embarcacións tradicionais, senón tamén a cultura mariñeira en xeral. Coido que serviría para axudar a recuperalas e tamén para que a xente identifique as tipoloxías do país», estima Martínez, que leva anos reivindicado o mantemento das embarcacións de madeira.
O proxecto de innovación tecnolóxica remata este ano e para ampliar os fondos que están a disposición do público na páxina web https://miguelmrtzg.wixsite.com/fasquia3d, escaneáronse no mes de outubro no Concello de Sada unha buceta e un bote polbeiro das Rías Altas, dúas das embarcacións a vela propiedade da entidade Os Patexeiros, que tamén colabora con este proxecto.
Ademais, Martínez tamén gravou este verán unha navegación nun bote polbeiro de seis metros, o Canouro, que permite recrear dende terra, grazas a gafas 3D, a sensación de navegar neste veleiro.
A modo de complemento didáctico, Miguel Martínez precisa que tamén dispoñen en realidade virtual da visita realizada á carpintería de ribeira de Francisco Fra, un referente do sector xa que son máis de 200 anos con sete xeracións ininterrumpidas construíndo en Lugo unha grande variedade de embarcacións.