Patrocinado porPatrocinado por

Eppur si muove

Gonzalo Rodríguez Rodríguez COORDINADOR DO GRUPO DE INVESTIGACIÓN EN ECONOMÍA PESQUEIRA DA USC

SOMOS MAR

Ramón Leiro

Emprego, produtividade e creación de valor na pesca de Galicia

19 jul 2024 . Actualizado a las 04:55 h.

Apesca constitúe o conxunto de actividades que son necesarias para poñer a disposición do consumidor o produto pescado. Quere dicirse que con pescar, cultivar ou mariscar non abonda. Son necesarios unha serie de procesos antes de zarpar ou baixar ás praias e unha serie de procesos despois. Si empezamos polas actividades previas, hoxe en día, indisolubles da pesca moderna, podemos citar a produción de coñecemento científico, como o destinado a avaliar os stocks e indicar os niveis de capturas sostibles, calidade das augas... En Galicia máis de 600 persoas se dedican hoxe a estas tarefas en centros como o IEO en A Coruña e Vigo, o IIM-CSIC, o Intecmar, o Cetmar ou o CIMA. Nas propias confrarías, o emprego asalariado, contando biólogos, vixilantes, transportistas, e demais supera os 1.100 ocupados. Traballos que serven ao sector, pero tamén á sociedade ao efecto de garantir un bo uso dos recursos comúns ou a hora de proporcionar servizos que todos acabamos gozando, como o da limpeza nas praias.

Na fase produtiva da cadea de valor, é dicir, na captura de peixe se empregan, segundo as Táboas Input-Output da Pesca-Conserva Galegas unhas 10.500 persoas, máis de 4.200 na produción de mexillón, case 400 empregos directos na piscicultura mariña aos que, finalmente, hai que engadir algo máis de 3.700 mariscadoras.

Neste conxunto de actividades o emprego tende a reducirse paulatinamente como consecuencia de varios factores. O primeiro deles é a redución do número de barcos que se ben producindo a partir da entrada da Unión Europea (UE) a fin de axustar a capacidade produtiva aos límites naturais, dando lugar a unha pesca que, no ámbito da UE é a día de hoxe sostible. Por certo, que España é o país con maior nivel de cumprimento da política comunitaria, en particular, a de axuste de capacidade. Así que non, Spain is not different, moi ao contrario, estamos á cabeza en termos de cumprimento, mecanismos de control e transparencia.

O segundo factor é a innovación, de modo que as melloras introducidas nas artes de pesca, sistemas de detección, clasificado, procesado e conservación a bordo, etcétera, fan que as necesidades de emprego por unidade de produto tendan a reducirse co paso do tempo. Noutro tipo de actividades as empresas máis competitivas poden seguir expandíndose, captando cotas de mercado crecentes, incrementando a súa escala... Pero na pesca non, existen dous topes: as cotas de pesca e o principio de estabilidade relativa, que impiden tanto o crecemento produtivo, como a expansión cara caladoiros doutros países explotados por empresas menos competitivas.

A industria transformadora, as fábricas de conservas, conxelados, afumados, precociñados e outros produtos a base de pescado, algas e mariscos, en cambio, non sofren estes límites e continúan o seu proceso de desenvolvemento ate situarse en torno aos 800 empregos no caso das depuradoras e superar os 11.200 no caso da conserva e transformados.

En global, o complexo mar-industria (sen contar ciencia e organismos de control), acada segundo o Ardán os 12.000 millóns de euros de facturación, con 1.305 de VAB. Sistema no que a pesca constitúe un elemento de credibilidade e provisión do produto de máxima calidade e a depuración e a industria transformadora o factor de adaptación as necesidades e preferencias do consumidor e garantía de subministro.

En definitiva, as esixencias das xestión científica da pesca, o crecemento da produtividade e os límites á expansión da actividade pesqueira por un lado e as necesidades de elaboración de produtos cada vez máis sans, seguros, sostibles e fáciles de consumir polo outro, fan que aumenten os empregos en terra a partir das actividades de captura e cultivo iniciais. Dun modo similar a esas ondas que se van expandido en círculos concéntricos na auga a partir do impacto inicial.