91 anos de memoria no mar: «Casamos un sábado e o luns xa estabamos a traballar na ribeira»
SOMOS MAR
Luisa Rodiño e Santiago Reguera dan testemuña da dureza do oficio cando non había nin botas para baixar á praia
30 nov 2024 . Actualizado a las 19:42 h.Nos anos sesenta non era común saír polo mundo adiante a non ser que houbera que emigrar. A relación entre os mozos restrinxíase ao seu ámbito xeográfico, á parroquia, ao pobo, así que eran moitos os veciños que acababan casando entre eles. Iso foi o que lle ocorreu a María Luisa Rodiño e Santiago Reguera, dous cambadeses de Castrelo que 61 anos despois de pasar polo altar poden contalo.
Compartiron a vida e o traballo, porque no rural era habitual coincidir na leira e no mar á hora de ir na procura do sustento, e a súa longa traxectoria en común lévaos hoxe a ocupar esta páxina. Nunca en tal se viran, aínda que Luisa xa sabe o que é converterse no centro de todas as miradas. O pasado setembro recibiu a homenaxe co gallo da Mostra dos Viños do Mar que se celebrou na súa parroquia, un recoñecemento a ela e ao que representa, por poder dar testemuña da historia do marisqueo nas plácidas augas da enseada arousá.
Luisa foi daquelas nenas que logo de ir á escola collían o angazo e camiñaban cara á ribeira para recoller ameixas, longueirón, navallas... Chovera, ventara ou mallara o sol, as rapazas do seu tempo tiñan que traballar como adultos para axudar na casa, con sorte, levando uns zocos nos pés —«porque daquela non había botas», apunta— e se cadra descalzas, aínda que fora con xeada. «É mellor non pensalo..., non sei de que se queixan agora», comenta atendendo ás nosas preguntas desde a súa casa en Sartaxes.
Hai que subir a voz para conversar con ela porque non oe ben; as pernas tampouco lle responden ata o punto de ter que usar cadeira de rodas, pero a cabeza vaille estupendamente pese aos seus 91 anos de idade. Así que lembra ben aqueles tempos de penuria, na posguerra, cando o mar e o campo salvaron da fame a moita xente. Logo chegaron os fillos, tivo tres, e as xornadas interminables, nas que nin había horarios nin topes e había que andar a escapar dos contramaestres. A ela nunca a pillaron. Dunha volta tanto correu que chegou ás telleiras «e non vin nin as tellas» do medo que levaba, contra entre risos.
Ao seu carón está o seu home, Santiago, que tamén ten as súas historias. No seu caso empezou a traballar no mar cando xa era un home feito e dereito, cuns vinte anos, primeiro nas bateas de ostra no Galiñeiro —que non é un curral senón un banco marisqueiro situado fronte a Cambados— e logo ao raño, collendo ameixas e berberechos, que daquela crecían a mans cheas na desembocadura do río Umia. Agora, nos tempos da Marteilia que enfermou a ría, no Correlo e no Sarrido custa facer o tope, pero esta escaseza xa non lle tocou a el.
Santiago Reguera non esperou a xubilarse no mar, como si fixo a súa dona aos 65 anos. Aínda que o campo é máis duro de levar, di, acabou tirando para as viñas e a horta, loitando coa terra para facer os buratos nos que enterrar os postes do albariño. E na batea máis do mesmo. El non chegou a tempo para traballar coas grúas nin as clasificadoras así que todas as tarefas ían ao lombo, castigando os corpos. Vivíase para traballar, porque gando e o campo non entenden de domingos nin festivos. «Nunca fomos de vacacións», conta Santiago. Nin sequera de lúa de mel?, preguntamos. Nin iso. «Casámonos un sábado e o luns estabamos traballando na ribeira».
Aínda así, Luisa dá por bo o vivido e se houbera que repetir, repetiría, dinos, nun exercicio de conformismo que sabe a lección de vida. E vese que a súa traxectoria deixou pegada porque primeiro a súa filla Luisa e logo a súa neta Laura, as dúas seguiron os seus pasos no marisqueo.
Nai e filla coinciden na praia do Facho como fixeron antes a primeira e a segunda xeración, o que pasa e que agora cotizan á seguridade social, poden coller baixas cando están enfermas e teñen uns horarios que permiten conciliar e dispor de tempo libre. Desde logo, Laura recoméndao como forma de vida, aínda que non todas as que quixeran poden optar a ela debido a que os permisos de explotación son limitados. Hoxe é unha actividades regulada que pouco ten que ver co que facían Luisa e a outras mulleres da súa época. O que se segue sendo é un traballo moi feminizado porque, aínda que algún home vese dobrando as costas na praia co angazo na man, o marisqueo a pé segue sendo maioritariamente cousa de mulleres.
Luisa Rodiño viviu en primeira persoa a transformación dun oficio que soubo dar o salto ás novas tecnoloxías co cambio de século. O exemplo quédalle ben cerca, con María Fontán Chaves, unha veciña de Cambados que nas redes sociais preséntase como Mariscadora 2.0 e cóntalle ao mundo cos pés no mar como se collen en pleno temporal as mellores ameixas. A nosa protagonista non levaba o teléfono á ribeira nin sabe de internet, pero ten os ventos e as chuvias ben rexistrados na memoria. E por moitos anos.