Antonio Basanta: «A pesca galega saíu de momentos moito máis complicados que este»
PESCA Y MARISQUEO
O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica cre que tanto a pesca como a acuicultura precisan seguridade xurídica
24 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que solo agora aparece na primeira liña, Antonio Basanta (San Cibrao, 1978) leva anos ligado á xestión pesqueira. De Medio Ambiente, con Xosé Manuel Barreiro, pasou a Mar con Rosa Quintana, onde atopou o seu sitio. «É o meu sector, onde me sinto cómodo e me sinto parte de el».
—Por fin nun despacho alguén que foi ao mar. Iso marca diferenza? Que aporta?
—Quizá pragmatismo. Sabes que cuestións poden ser viables, asumibles e, sobre todo aplicables, que é unha das cuestións que moitas veces suscita queixas, non porque se tomen medidas, senón que as que se tomen non sexan aplicables no día a día. Aínda que o equipo da consellería leva moitos anos na Administración e coñece perfectamente o sector.
—Pois non parece chegar en bo momento. A xente se pon á cola para marchar do sector...
—É un momento difícil, de crise. E non só é una crise económica, é unha crise loxística, de falta de persoal... Pero o sector saíu de momentos moito máis complicados que estee e sen tanta axuda Digamos que a resiliencia foi avanzando co tempo e hoxe ves que se fan cousas para resistir: se involucran en cuestións de comercialización, en compras de inputs de forma mancomunada, que teñen un coñecemento máis amplo da normativa... Non todos queren saír pola situación actual, tamén inflúe a falta de man de obra ou non ter na familia a quen deixarlle o barco. Son moitos factores.
—Pero o goteo de baixas no censo non ven de agora.
—É certo que cando chegamos á consellería había un proxecto para despezar 90 barcos. Con medidas freáronse as saídas ata 37. Houbo marchas, si, houbo un axuste no número de barcos, sen embargo, mantemos unha líña máis ou menos estable en termos laborais, as cifras de facturación se manteñen e incluso incrementan, dependendo do ano e das circunstancias do ano. Incluso hai unha subida dos prezos do peixe de forma xeral.
—Vai ter razón entón Bruxelas que cantos menos barcos, máis rendibilidade.
—Entón si tivéramos so un barco solo seriamos máis rendibles que o Deuche Bank e non é así. Temos que seguir abastecendo un mercado e tes que facer mover unha cadea. Se non tes desembarcos nin barcos nos teus portos, esa cadea se para. E cando o valor engadido da pesca galega é 25 veces superior ao da UE non queda outra que manter o número de barcos. Eliminamos o 25 % da nosa frota de Gran Sol e litoral dende que entramos na UE e non foi a solución, porque sufrimos igual as crises. Habería que traballar nalgunha liña máis que a axuda económica.
—A pesca galega sairá desta crise?
—Si. Como saíu da crise do petróleo do 73, como saíu da crise da entrada na UE, como saíu da crise das 200 millas en moitos sitios e como saíu da crise do 2008.
—A pesar de medidas como as 94 vedas á pesca de fondo que DG Mare (Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e Pesca) di agora que son 87 e que está decidida a levar adiante?
—É unha proposta mal concebida, mal sustentada cientificamente, sen valoración socioeconómica das implicacións que pode ter e, sobre todo, que non temos claro a que ven. Por unha parte din que é para loitar contra o cambio climático. Que gañamos con iso fronte ao cambio climático? E outra cousa: se levamos cen anos como mínimo pescando nesas zonas, reducindo moitísimo o contacto co fondo, e sigue habendo hábitats vulnerables será que non somos parte do problema, non? Ao contrario, ata podemo axudar a conservalo. Bruxelas ten que ter claro que decisións como esas son as que fan perder a confianza do sector nas Administracións e non pode ser.
—Ese euroescepticismo que se está exacerbando...
—Certas decisión tenden a provocar ese desapego. Son un europeísta convencido e Galicia, como comunidade netamente exportadora de productos do mar necesita Europa. Agora ben hai que frear decisión non fundamentadas, sustentadas en cuestións dogmáticas, que se podan levar por diante a flota.
—Vai ser posible parar esas vedas?
—O martes hai unha reunión na que se ten que iniciar un diálogo que xa tiña que estar feito. Se a DG Mare se empeña en levar a proposta adiante sin apoio da metade dos Estados membros e con claro perxuicio para moitas flotas e para unha actividade económica, o recurso xurídico está máis que fundamentado. E nese camiño estamos traballando.
—Como ve a Xunta a expropiación de cotas da Lei de Pesca Sostible?
—En Galicia non hai armadores de sofá porque as cotas se aproveitan. Se queres impedir a acumulación de dereitos hai outras ferramentas Ao sector haille que dar seguridade xurídica, xa ten problemas dabondo sen que llos xeremos dende a Administración. Dentro desa seguridade xurídica, flotas tan importantes como a de Gran sol e do arrastre litoral se foron reestruturando, investindo para adecuar as súas cotas ao seu patrón de pesqueiras. E de repente lles cambias as normas de xogo? Ademais, si esa expropiación sae adiante seguro que vai dar pe a unha chea de demandas. E si saen en contra, quen se fai cargo? A Secretaría Xeral de Pesca?
—Puxéronlle diante ao ministro de Pesca o manifesto en defensa da pesca galega? Asinaríao?
—Planas é unha persoa que coñece ben Bruxelas, como funcionan as propostas normativas en Europa e que traballa polo sector. Outra cousa é que eu poda estar de acordo ou non en todo o que fai, como el tamén o estará ou non coas nosas decisións, pero creo que o asinaría seguro, porque é un manifesto de mínimos que busca o entendemento entre todas as partes como elemento común e marca como teñen que ser as cousas, que non leva ao detalle do que nos desune, senón do que nos une. De aí que o puideran firmar máis de 30 entidades a e as comunidades autónomas estean a traballar na súa firma e que haxa xente pedíndonos que llo mandemos para asinar. Nese sentido, Planas ten claro que eses factores que poñemos no manifesto son asumibles por todas as Administracións.
—A directora xeral de Asuntos Marítimos, Charlina Vitcheva, dixo claramente que hai que retirar as exencións fiscais ao gasoil para axudarlle a descarbonizar. Haberá que volver aos remos ou hai outra tecnoloxía?
—Todo o mundo quer avanzar cara unha propulsión máis limpa, xa non só por convencemento de que hai que respectar o medio ambiente e tratar de frear o cambio climático, senón tamén por unha cuestión egoísta numérica tal e como está o prezo do gasoil. Descarbonizar é beneficio para todos. Pero hai tecnoloxía dispoñible e aplicable a este tipo de buques dunha forma realista e pragmática? Non. Hai algunhas alternativas, pero cóllenos esa tecnoloxía nos barcos? O gas, por exemplo, ocupa un 30 % máis de espazo que o gasoil e Bruxelas non está disposta a permitir novas construcións que aumenten a capacidade da embarcación, que non a de pesca.
—Pois está decidida a retirar a bonificación. ¿Sobrevivirá a flota?
—Se eliminan a exención do gasoil, teño claro que unha gran parte da flota tería que parar. Pero é como si paras todos os coches para que non haxa accidentes. O método é expeditivo, pero non me parece serio. Ademais, Bruxelas non debería perder de vista que de todas as proteínas animais, o peixe é o que menos pegada hídrica e de carbono ten. Por iso que a DG Mare se lo tiene que hacer mirar, porque temos claro que somos unha parte ínfima do problema e podemos ser parte da solución.
—É compatible a pesca cos muíños no mar?
—A práctica dinos que en moitas zonas é compatible. Outra cousa é onde se asentan eses muíños e, sobre todo, como se quere compatibilizar. Galicia ten moi claro que quere desenvolver a eólica mariña sempre que sexa compatible coa actividade pesqueira e coa protección dos hábitats. A partir de aí, traballar como se está a facer en Galicia, cunha ferramenta como é o observatorio, paréceme importantísimo. A Xunta o que fixo foi marcar unha folla de ruta que o propio Parlamento Europeo puxo nun informe, e a está a aplicar ao pe da letra dunha maneira participativa. E iso é bo para o sector naval e eólico e para o pesqueiro. A partir de aí, non podemos poñer parques onde haxa maior capacidade de xerar recursos e en zonas de pesca ou onde a navegación se poda ver afectada.
«Non podemos fialo todo o cultivo a que haxa mexilla nas pedras»
Basanta e a baixura se deron cita en agosto para poñer ao día o decreto de artes e outras cuestións polas que o sector se rebelou contra a súa antecesora.
—Tamén lle quedou a pataca quente da extracción de mexilla. Os bateeiros non ven avances.
—Non pediron máis ampliacións de prórroga, co que entendo que xa non teñen dificultades. O problema da mexilla é a punta do iceberg dunha serie de cambios que hai que abordar. O patrón da cría está mudando e, por tanto, deberiamos cambiar tamén o modelo de aprovisionamento da cría. Se lle ofreceron dende a consellería medidas, como o aumento de cordas colectores, hatcheries, etcétera para gañar seguridade a longo prazo. Non podemos fiar toda a cosecha a que haxa mexilla nas pedras ou non. Se mañán non aparece a mexilla, qué facemos? Temos que distribuír os riscos en varias liñas.
—Pero se aínda se está a buscar a solución para a semente de ameixa, como lograr mexilla?
—Non é fácil, pero temos unha vía aberta, incipiente, que temos que ir axustando e non será a solución para todo o abastecemento xeral, pero si compatibilizamos as hatcheries, as colectoras e a extracción en banco natural, diversificaremos riscos e teremos máis seguro o abastecemento sostible.
—Que vai facer para potenciar a acuicultura? Unha lei?
—A lei sairá se o sector quere. Antes hai que ver que obxectivos marca a UE para potenciar a acuicultura. Sempre nos din que temos que avanzar, pero temos que ter claro que entende por iso Bruxelas. Avanzar, sí, pero como? En producción? Medrou. En facturación? Tamén medrou. En mellorar o empleo? Medrou. É ampliar a capacidade produtiva? En boa parte, tamén medrou. Ampliar as zonas?... Temos que ter claro que crecemento se quere. A partir de aí, hai que apostar por unha simplificación dos procedementos, por un proceso garantista co medio ambiente pero tamén que permita o desenvolvemento da actividade, por unha financiación económica adecuada, na liña de outros sectores... E, sobre todo, temos que ter claro que esa é unha parte do abastecemento da cadena de transformación e comercialización. Tendo todo eso en conta, e sabendo que deben ser actividades complementarias, como sempre defendimos, temos claro que podemos avanzar, pero necesitamos tamén que o marco europeo e o estatal nos dé seguridade xurídica; é dicir, certeza e claridade.
—Que plans ten no eido da comercialización?
—Seguir na liña coa que empezamos no 2009, a pesar das dificultades na sociedade co consumo de peixe. Traballamos na promoción entre os nenos, entre os millennials... Chegamos a máis de 182.000 nenos con estes programas. A campaña Vai de Peixe é outra mostra de como se debe traballar. Pero unha cousa é tirar da demanda e outra é promover o valor engadido. Nese senso levamos invertido dende o 2016 máis de cen millóns de euros, en medidas de adecuación da estrutura ás demandas, en mellorar a calidade alimentaria, en seguridade hixiénico-sanitaria e na adecuación de novos productos. É importante adaptar os formatos ao que che pide o consumidor e, ao tempo, tes que ter en conta que necesitas tirar da demanda de forma xeral e non circunscribirte so ao mercado interno. Nos oitenta o obxectivo eran os mercas. Hoxe as cadeas loxísticas están estruturadas na gran distribución, nos mercas, en Internet. Que necesitamos? Primeiro, promoción e identificación. E aí a marca PescadeRías medrou moito e ten que seguir medrando. E tamén temos que traballar na xeración de demanda externa. As exportacións de produtos do mar medraron en Galicia un 57 % entre o 2009 e o 2021. E cando alcanzas 2.400 millóns de euros en venta ao exterior estás entre as principais potencias exportadoras e necesitas seguir traballando, porque, volvemos ao mesmo, hai que diversificar os riscos: ter demanda de proximidade, interior e tamén exterior. Asimesmo temos tamén que estudar as leccións que nos deixa a pandemia. Hai cambios e estamos traballando coas universidades de A Coruña e Santiago en analizar estes avances no mercado de novas demandas e, sobre todo, comprobar como impacta a dixitalización total das vendas. Aínda que se dixitalicen as lonxas hai que ir dando pasos para identificar novas demandas. Así como cambian os comportamentos do mercado en xeral, coa irrupción de empresas como Amazon, temos que analizar os que lle afectan as vendas de peixe para saber por que camiños hai que tirar.
—Hai xa algún identificado?
—Non hai unha solución única. Poñer todos os ovos na mesma cesta é un erro e un risco. Temos que ir vendo que nos interesa en cuestión de marisqueo, de pesca artesanal, que teñen un consumo máis de quilómetro cero, onde a promoción visual instantánea é fundamental; temos que estudar tamén o produto da distribución, transformado para grandes consumos; aqueles que van á exportación… Cando se venden 270 produtos diferentes nas lonxas galegas necesitas abordar a cuestión dende varias ópticas, unha sola non funciona. Non imos nin vender todo por Internet, nin todo na peixería, nin todo para granel, nin todo para exportación. Temos que ir vendo como encaixamos cada cousa.
—Que obxectivo lle gustaría deixar cumplido?
—Simplemente que o sector esté en mellor situación que cando entrei. Se para entón o sector sigue vendo futuro nisto, me voy a mi casa tranquilo. Bueno, a seguir traballando no sector dende outra óptica.