O suplemento Culturas dedica mañá un número especial á colección como guía de lectura

La Voz

TELEVISIÓN

01 sep 2005 . Actualizado a las 07:00 h.

O suplemento Culturas, que cada sábado La Voz entrega aos seus lectores, estará dedicado mañá integramente á Biblioteca Galega de Clásicos Universais. O número extraordinario de 24 páxinas presenta os corenta títulos que conforman esta colección de grandes obras traducidas ao galego, a través dos artigos de escritores, críticos literarios e xornalistas. Culturas contou coa colaboración de especialistas como Xosé Antonio Ponte Far, Xosé Carlos Caneiro, Xosé Miranda, Miguel Anxo Fernán-Vello, Federico Fernández de Buján, ou Xosé Luís Barreiro Rivas, ademais de analistas como Anxo Guerreiro ou técnicos como Francisco Franco del Amo, director do Aquarium Finisterrae, quen glosou a obra Vinte mil leguas baixo dos mares , de Verne. O suplemento dedica un amplo texto a cada unha das obras, nas que se presentan as súas características máis importantes, a pegada ou influencia que deixou nos lectores ou noutros escritores, e contextualiza o seu papel dentro da produción do seu autor, xunto cos datos da tradución. Esta información e as ilustracións de Edgardo Carosía fan deste número de Culturas unha guía indispensable que complementa a Biblioteca e unha peza de colección.