A TVG emitirá un documental sobre a vida e a obra da escritora Nélida Piñón
TELEVISIÓN
Con dirección de Valentín Carrera, a gravación se completará este verán en Brasil «Sherezade en Galicia» podería ser emitido no último trimestre deste mesmo ano
29 jun 2006 . Actualizado a las 07:00 h.?otobade e Río de Janeiro son dúas paisaxes definitivas na vida de Nélida Piñón. Dous espazos que resumen o vivencial e o sentimental e que serán parte importante do documental Sherezade en Galicia: as verbas de Nélida Piñón , que está gravando Valentín Carrera producido por Ibisa TV para a Televisión de Galicia. O documental foi presentado onte coa participación da escritora, premio Príncipe de Asturias das letras, quen asegurou que «este documental non é tanto a historia de Nélida Piñón como a historia da relación entre Galicia e Brasil contada desde o punto de vista dunha neta de emigrantes». O documental será emitido pola canle galega entre outubro e final deste mesmo ano no programa Galicia Documental , que se emite todos os sábados despois do telexornal de mediodía. A escritora asegurou onte estar completamente identificada co guión e co traballo que estaba realizando Carrera e indicou que a película documental explicaría «a influencia tan grande que ten Galicia na miña vida». Tamén indicou Piñón que nesta documental «a cámara convértese no meu alter ego e eu fálolle meditando, evocando e reflexionando sobre a aventura da vida». Asegurou Piñón que a súa intención para o documental «era contar a historia dunha escritora que sempre quixo contar historias e non tanto unha historia biográfica, a historia de alguén que se fixo escritora porque de nena quería ser aventureira». A escritora asegurou que, cando cativa, «quería unha vida na que non tivese que durmir dúas noites no mesmo cuarto» Sherezade en Galicia , título tirado do personaxe principal da novela Voces do deserto , está realizada xa a parte gravada en Galicia, fundamentalmente no lugar de nacemento da escritora, Cotobade, e en Compostela. Para o vindeiro mes de agosto, a equipa de rodaxe trasladarase a Río de Janeiro para completar a parte brasileira do documental e para contar cal é a vida que esta escritora fai na súa cidade. Valentín Carrera sinalou que este era o primeiro documental que se facía arredor de Nélida Piñón e indicou que a traxectoria literaria da escritora, o seus compromisos sociais, e a súa intensa vinculación con Galicia xustificaban este documental. Segundo Pastor Lorenzo, responsable de comunicación da Televisión de Galicia, «o interese que temos nos documentais de carácter humano vese ampliado neste caso pola calidade da obra e da persoa de Nélida Piñón».