Torta de filloas
As filloas ou freixós son todo un símbolo da repostería galega e, sen dúbida, un dos principais activos do noso Entroido; neste caso imos facerlle unha homenaxe fóra da elaboración tradicional
As filloas ou freixós, como denominamos pola Mariña, son tal vez o símbolo principal da repostaría galega e, sen dúbida, un dos principais activos do noso Entroido. Non hai fogar que non conciba estes festexos sen a xoia da coroa, sexa na versión que for.
É difícil aborrecelas, sobre todo porque botamos boa parte do ano agardando por elas. Mais quixemos ir un paso máis alá e facerlles unha especie de homenaxe, con esta torta que pode ser a sorpresa ideal para as vosas sobremesas. Ou merendas. Porque as filloas entran ben en calquera momento.
- Medio litro de auga
- Medio litro de leite
- 6 ovos
- Fariña
- 1/4 de vaso de azucre para as filloas e una cullerada de azucre
- 1/4 de vaso de aceite
- 1/4 de vaso de anís
- Pela de limón
- Chisco de sal
Para as filloas: Mesturamos nun recipiente a auga, o leite, os ovos, o azucre, o aceite e o sal e imos engadindo pouco a pouco a fariña; non vos poido dar unha cantidade exacta debido a que tedes que ir probando, até que espese un pouco a masa
Agora é o momento de bater co batedor eléctrico para que non quede ningún gromo
Agora engadimos a pela de limón e deixamos reposar durante 3-4 horas
Collemos unha tixola (mellor se é especial para filloas, ou unha placa de ferro...) e botámoslle unhas gotas de aceite, manteiga ou pasarlle un pouco de touciño para evitar que se peguen
Cun cullerón collemos unha porción da masa e repartímolo por toda a tixola, deixamos que se faga e cando vexamos que se comeza a despegar debemos darlle a volta
Colocámolos nunha fonte ou prato e reservamos
Para a torta: Colocamos unha filloa nun plato ou nunha fonte e estendemos unha boa capa de crema de cacao
Sobre o cacao colocamos unhas lascas de plátano
Tapamos con outra filloa
Repetimos a operación mais, nesta ocasión, cambiamos o plátano polos amorodos
Facemos cantas capas nos apetezan
Despois, colocamos un prato sobre a torta e, coa axuda dun coitelo, cortamos os bordos dos freixós para igualalos
Decoramos como máis nos guste! Nós puxemos unha filloa dobrada en forma de triángulo, fixemos unhas liñas coa crema de cacao e puxemos un pouco máis de plátano. Montamos a nata coa cullerada de azucre e, coa axuda dunha manga pasteleira e dun bico, rodeamos a torta e puxemos unhas estrelas sobre o plátano
Comentarios