Os «Queixumes dos pinos» soaron tamén no Fernando Blanco

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

CEE

JORGE PARRI

Félix Neira, a escritora Concha Blanco e dous alumnos do instituto de Cee sumáronse ao 130º. aniversario do libro de Pondal

15 nov 2016 . Actualizado a las 18:13 h.

Queixumes dos pinos, a grande obra de Eduardo María González-Pondal e Abente tivo onte de novo un protagonismo especial na Costa da Morte. O instituto Fernando Blanco de Cee acolleu un acto pola reedición por parte de La Voz de Galicia do facsímile do poemario 130 anos despois da súa primeira publicación por Juan Fernández Latorre (fundador de La Voz) e Andrés Martínez Salazar o 12 de novembro de 1886. Os exemplares podíanse adquirir por 1,95 euros co xornal do pasado sábado. A Fundación Pondal e o instituto ceense quixeron lembrar desta maneira a aparición dun dos libros máis importantes da historia da literatura de Galicia.

Alumnos do centro seguiron con grande interese no salón de actos do centro formativo, que este curso cumpre tamén o seu 130 aniversario, a disertación de Félix Neira Pérez sobre diversos aspectos biográficos do poeta que son moi poucos coñecidos. Neste senso deu conta das súas investigacións sobre a acta defunción do autor, o paso do escritor pontecesán por Nemiña para aprender latín e grego, os boletíns de notas e os exames no instituto de Santiago e moitos outros aspectos, como a orixe do apelido do bardo, Pondal, poboación asturiana que o propio Neira foi visitar.

O tamén profesor de latín do centro ceense recitou, ademais, Ao abrigo do vento circio, que fala dos estudos do autor en Nemiña e unha das 91 composicións que aparecen en Queixumes dos pinos, cuxa reedición foi patrocinada por Gadis. O acto de onte foi apoiado por Ferroatlántica e organizado pola Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso

No encontro, ademais de numerosos alumnos, estaban presentes varios profesores do instituto e a propia directora, Chelo Trillo Lago, que participou na posta en marcha da xuntaza. A escritora e exprofesora de Cee Concha Blanco, a raíz das referencias de Neira ao paso de Pondal por Nemiña, falou do seu paso como mestra pola súa primeira escola nesta localidade de Muxía, onde tiña que cruzar en barca o río Castro tódalas semanas. Logo, recitou o poema icónico dedicado ao dolmen de Dombate. Por último, houbo a intervención dos alumnos Elisa Lema Gómez, con E ti campana de Anllóns, e Tomás Lagoa Blanco, con Dous rapaces non sei donde, outras dúas creacións do bardo pontecesán.